_
_
_
_
_

Seica isto é ser moderno

Disquecool, a revista dixital sobre as cousas que “nos fan felices”

Festa do primeiro aniversario da revista dixital Disquecool.
Festa do primeiro aniversario da revista dixital Disquecool. ANDRÉS FRAGA

A primeira revista de tendencias en soporte dixital feita en Galicia empezou sendo unha idea que naceu diante dunha ración de polbo á feira da que as súas promotoras deron boa conta logo dunha visita á casa museo de Rosalía de Castro. Modernidade, Galicia e retranca. Con estes vimbios, catro xornalistas e tecelás puntocero constrúen, desde o 1 de maio de 2011, www.disquecool.com, un portal en Internet que atende a fórmulas de lecer e de estilos de vida dentro e fóra do país, unha máis do número crecente de iniciativas vencelladas á creación e á comunicación que, desde Galicia e en galego, veñen agromando na Rede nos últimos tempos. E as que aínda faltan por vir, agora que oficialmente Twitter, por fin, tamén fala galego, logo da insistente campaña emprendida polos tuiteiros.

Alén da tiranía verbo dos padróns de comportamento na que caen certas publicacións sobre tendencias, as impulsoras de Disquecool celebran só aqueles asuntos que lles pracen e distribúenos nos anaqueis de arte e deseño, escenas, estilos de vida, letras, moda, música, tecnoloxía e márketing. “Fomos compañeiras de promoción na facultade e cadramos en que as catro queriamos facer algo que nos gustase de verdade, así que decidimos que, neste proxecto, só iamos escribir sobre as cousas que verdadeiramente nos fan felices”, indica Raquel Pico.

Esa busca da felicidade pode estar, sempre segundo o criterio persoal das redactoras, e dos colaboradores que se van sumando, nunha tenda on line de productos galegos, no engado decandente das rúas do Porto, ou no Park(ing) Day, xornada de ocupación pública dun espazo concreto que a cotío está reservado como aparcadoiro, que, precisamente, ten lugar hoxe en Vigo para reivindicar unha verdadeira humanización das cidades. “Non hai un reparto oficial das seccións nin pautas para escoller os temas porque hai moita sintonía entre nós, son os nosos intereses”, apunta Ana Vulnes.

Coa axuda dun programador para webs e dun fotógrafo, nun mes aquela idea xa formaba parte da nube cun puntiño de humor. “Estamos ante o experimento dun decorador tarado ou ante o último dos hoteis que un debe incluír na lista de ‘teño que durmir aquí antes de cumprir os xx’. Se algunha vez te preguntaches o que sentía o teu hámster dando voltas pola roda estás de noraboa: un hotel en Nantes permitirá que o descubras de primeira man”, escribe Pico nunha das entradas. Noutra ocasión, Cristina Domínguez relata a súa primeira vez no Festival de Cans: “Este ano decidín que desta non pasaba. Que un non pode vivir a menos de 30 quilómetros de Cans e ter pisado antes a alfombra vermella da cidade case homónima francesa”. “A retranca é fundamental, rir das nosas propias ocorrencias e empeños en buscar o máis cool”, asegura. “Estamos descubrindo moitas cousas, como unha Galicia da que xa formabamos parte pero que non sabiamos que existía”.

O feito de publicaren en Internet e de facelo en galego foi un proceso “natural”. “As catro especializámonos en Xornalismo Electrónico e, por formación e por custes, era a opción máis atractiva, o da lingua nin o discutimos, estivo claro desde o principio”, afirma Lucía Neira. A fin de semana pasada, Disquecool festexou o seu primeiro aniversario estreándose na organización dun evento “físico”. O acontecemento foi no Liceo Mutante, en Pontevedra, o espazo cultural máis underground da cidade. A festa contou con música en directo, unha exposición de arte postal, un encontro de ukeleles, obradoiros infantís, photocall con disfraces e mesmo unha acción laneira, para mans expertas en calceta. Valeulles para verse as caras con algúns dos usuarios da páxina, na súa maioría, procedentes das cidades de Vigo, Santiago e A Coruña.

Polo de agora, a revista supera os 2.000 seguidores en Facebook e a cifra de 1.600 en Twitter. “Podemos dicir que contamos cun público moi fiel porque máis do 50% dos nosos visitantes son usuarios que volven, unha porcentaxe moi alta en comparación coa media habitual nos medios de comunicación na Rede”.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_