_
_
_
_
_
LUCES

A crítica ‘carvalhocaleriana’

Os seus textos insírense no molde patriarcal que exclúe a unha Rosalía con intelecto e corpo

Agradezo a este medio e á profesora Pilar García Negro a chamada ao diálogo sobre Ricardo Carvalho Calero e a canle para a súa difusión alén dos circuítos académicos. Cómpre virar o debate cara o que non se leva dito, e artellalo seguindo procedementos rigorosos para a historiografía cultural galega. Estes inclúen, como di García Negro, a lectura minuciosa de fontes primarias e secundarias, mais non, ao meu ver, a idade das investigadoras ou se estas coñeceron persoalmente ás figuras das que emanou o discurso do nacionalismo cultural. Carvalho Calero morreu cando eu cursaba sétimo da EXB no colexio público Balaídos de Vigo, por onde el nunca pasou. Hoxe teño 33 anos e non me conto entre a xente que o coñeceu en vida. Mais agardo que estas dúas circunstancias non me inhabiliten para dedicar parte do meu labor investigador a tentar dilucidar como se revela no proxecto intelectual carvalhocaleriano a particular conxunción das políticas do sexual e do nacional que teñen demarcado tanto o discurso do nacionalismo cultural tradicional, como o propio desenvolvemento, ao meu ver serodio, da crítica feminista galega.

O que Claudio Rodríguez Fer denominou a “motivación erótica” nos textos literarios de Carvalho pode atoparse sen dificultade nos escritos xornalísticos do autor. Destaco un artigo seu de 1992 titulado Usar dúas linguas, recollido en 1997 co título Bilingüísmo e bigamia por Costenla Bergueiro, e tamén na compilación conmemorativa da profesora García Negro. Nel Carvalho define o bilingüismo como unha habilidade similar á dos homes que utilizan “varias mulleres ocasionalmente para fins eventuais”. Lingua e muller lexítimas, conclúe, poden ser só unha, mais os homes poden falar outras linguas secundarias coma poden, asemade, facer uso de “concubinas de inferior rango”. A súa visión pigmaliónica da cultura galega agroma nas entrevistas que lle fixeron Fernán-Vello, Francisco Pillado ou Carmen Blanco, cando define a súa crítica literaria como o labor de “transformar a unha moza ignorante e tosca nunha señorita”. Que Carvalho dedicou gran parte dos seus esforzos a dilucidar cuestións rosalianas é innegable, mais a lóxica que lle apón a este labor un carácter transcendental debería ser revisada. Os textos rosalianos de Carvalho están ben inseridos no molde patriarcal que, desde Murguía a Piñeiro, excluíu dun modelo de exéxese nacional a posibilidade dunha Rosalía de Castro con intelecto e corpo. Infiro que a afirmación acostumada de que Carvalho Calero contribuíu a facer de Rosalía de Castro unha escritora universal ten que ver cos xiros interpretativos exercidos nun texto inaugural do piñeirismo, 7 ensayos sobre Rosalía, onde Carvalho deixa consignada unha das ecuacións máis proveitosas do nacionalismo cultural patriarcal galego: “Rosalía, eis o home”. Porén, cómpre contrastar eses “xiros universalizadores” coas súas propias contradicións, e, de paso, revisarmos a retórica espalladísima de que a praxe carvalhocaleriana foi exemplo de rigor científico e obxectividade. Retornemos ás tres páxinas que Carvalho dedica na súa Historia da literatura galega contemporánea a dirimir un debate favorito da crítica literaria patriarcal (tamén da española): o da fealdade de Rosalía de Castro. Reproduzo a cita a seguir para que se poida aprezar a súa cadencia clasista e antipopular, outro aspecto pouco discutido dos textos de Carvalho: “Rosalía estaba groseiramente tallada. A fenda da boca, o abultado dos pómulos, dan ao rosto da poetisa un ar plebeio que non corresponte á finura i elevación do seu esprito”. A cita atópase na páxina 154 da edición de 1981 de Galaxia.

Reconsideremos tamén o que Elvira Souto denominou a “acentuada ginecofilia” carvalhocaleriana. O prólogo que o autor escribiu para a o primeiro poemario de Xohana Torres, Do Sulco (1957), revela certa ansiedade por trazar para ela unha imaxe autorial baseada no tropo da alumna espelida que soubo “atender, comprender e asimilar”, ao tempo que remarcaba a relación mestre-discípula que o movía desinteresadamente ao patrocinio. Esta é a mesma lóxica da tutelaxe que Carvalho se apurou a lembrarlle a María Xosé Queizán cando esta acababa de publicar Recuperar as mans (1977), un dos textos inaugurais da crítica feminista galega que ousou renunciar á protección dos titores.

Pronunciarse ou non en débeda coa tutelaxe intelectual de Carvalho Calero é unha opción persoal daquelas persoas que o trataron en vida. Pero afortunadamente non é a única á que debemos enfrontarnos ao facer investigación en historia cultural galega. A miña posición alíñase co coñecemento que van deitando as metodoloxías da disciplina (a consulta demorada de textos e contextos; a renovación da ferramenta teórica coa cal destilar os seus significados políticos e sociais). E este coñecemento cómpre que vaia estando ao alcance de todas e de todos, mesmo se non emanou dos mestres.

Helena Miguélez Carballeira é profesora da Universidade de Bangor, Gales. (@hmcarballeira)

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_