_
_
_
_
_
OPINIÓN | SUSO DE TORO

Morre a persoa, perdura o personaxe

O franquismo foi un sistema totalitario que era dono dos corpos e tamén das mentes

O franquismo foi literatura. Foi un relato que o réxime, co pais enteiro encerrado do mundo, meteu nas mentes das xeracións posteriores que non viviran na República e non coñeceran outra realidade que a daquela España. Para esas xeracións, aquel relato, un pesadelo habilmente construído con literatura, era a realidade. O franquismo non foi unha ditadura, foi un sistema totalitario que era dono dos corpos e tamén das mentes (os sistemas totalitarios precisan obrigadamente da literatura). Naquel conto, a protagonista era unha España castellano cristiana, heroica e espléndida, e esta tiña que defenderse dos seus inimigos: os roxos e os separatistas, que unían as súas forzas contra España. Nese contubernio nefasto destacaba un monstro da raza do comunismo dos comunistas! Daquel inferno emerxía un demo principal, Santiago Carrillo.

O franquismo foi un conto de medo e Carrillo era un personaxe daquel conto, o monstro. E dicimos que o franquismo foi un conto de medo e foino tamén para os antifranquistas, que tamén moraban naquel pesadelo. Mais eles tiñan un relato contrario: o monstro era Franco, amo dun inferno sanguento que xa probara que era ben real. Franco era o amo dos contos e das vidas, sentíase forte dabondo como para aturar aquel peso ( e, con todo, aquel home cativo demostrou unha dureza inaudita, un abismo dentro que non deixa de fascinar). Porén, poucas persoas habían querer ser un personaxe tan odiado e tan cargado de acusacións. De seguro que Carrillo tampouco; así e todo, el parecía levar esa carga con verdadeira calma.

O curioso é que Carrillo tamén era un personaxe nesoutra historia, a historia familiar dos comunistas: el tamén era o malo. Desenvolvía o personaxe do traidor dentro dunha historia de intrigas, purgas, disidencias... Se se considera o tamaño da carga histórica que levou xunto coa capacidade para sobrevivir e loitar pola súa supervivencia política, veremos que a figura de Carrillo é un verdadeiro peso pesado como personaxe literario.

Claro que o que lle dá carácter literario, o que o fai definitivamente suxestivo é ser un comunista. O comunismo é algo máxico, madialeva. Marx calificouno como unha pantasma que comezaba a percorrer a Europa. E sempre conservou algo de fantasmal, cousa máxica que trata dunha mestura de profecía, ameaza, sangue e esperanza de redención. Desaparecido o mundo comunista, tanto os estados que ostentaban encarnalo como a inmensa maioría dos seus seguidores nos outros estados, aínda hoxe a palabra “comunismo” corta o ar cando se pronuncia. Unha profecía antiga e témera, a ese tempo e ese mundo seguirá a pertencer a figura de Carillo. A quen enterraron foi a Santiago, aquel rapaz de Gijón.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_