_
_
_
_
_
LUCES

Arte ‘low cost’ fronte á crise

Espazos alternativos e outras propostas innovadoras proliferan no país ante a falta de imaxinación e de fondos nas salas institucionais e galerías

De esquerda á dereita, Colomán, Marián Núñez, Federico Fernández e Germán Pintos, membros do colectivo Halcon Milenario.
De esquerda á dereita, Colomán, Marián Núñez, Federico Fernández e Germán Pintos, membros do colectivo Halcon Milenario.LALO R. VILLAR

“Expoñer a túa obra é moi fácil. O único que tes que facer é coller as pezas, metelas no coche e traelas ao noso local”. A frase do comisario Ángel Calvo resume en boa medida o espírito que alenta a outros xoves emprendedores do mundo da arte que nos últimos tempos puxeron en marcha espazos para que os artistas novos poidan atopar as oportunidades para presentar os seus traballos que non teñen nas galerías e salas institucionais. O boca a orella é a mellor campaña de publicidade coa que contan lugares coma o Halcón Milenario de Vigo ou o Furancho de Arte Contemporáneo (FAC) de Santiago, que cunha traxectoria moi curta xa deron moito de que falar e programaron exposicións que despertan interese. Fronte ao desolador panorama de salas baleiras dalgúns centros, estes espazos contan cun apoio e entusiasmo de público sorprendentes. E o mellor de todo é que conseguen os seus obxectivos cun custe practicamente cero.

O Halcón Milenario, situado no céntrico barrio vigués de Churruca, foi a primeira destas iniciativas artísticas que viu a luz. Apareceu a finais de 2010 cando un grupo de artistas que tiñan como ligazón a Facultade de Belas Artes de Pontevedra xuntáronse para organizar unha exposición nas dependencias dun piso que algúns deles utilizaban como estudio. O título da mostra, Viejóvenes valores, xa daba pistas sobre o carácter lúdico da iniciativa. Germán Pintos, un dos membros fundadores do colectivo, explica que o éxito da mostra levoulles a estudar a posibilidade de continuar facendo este tipo de exposicións no futuro. O obxectivo era o de dar visibilidade aos artistas que non atopan moitas oportunidades noutros lugares. Aos que pasan polo Halcón dáselles toda a liberdade “mentres que non tiren a casa abaixo”. En 2011 organizaron un total de catro exposición e neste ano van a facer tres. Os límites márcanos os traballos que desenvolven habitualmente. Tres dos membros de tripulación do Halcón son mestres e o cuarto traballa coma tatuador.

O Halcón Milenario abriuse cunha mostra titulada ‘Viejóvenes valores’

Malia que a iniciativa naceu entre amigos, os criterios que se aplican para elixir as exposicións que se programan non son aleatorios. Dende a súa apertura recibiron moitas propostas pero as catro persoas que forman o núcleo duro do Halcón son os encargados de seleccionar as máis interesante. O espazo acolleu dende unha mostra de grafiteiros ata unha exposición individual do pintor Toño Camuñas, que mesmo viviu un tempo no piso mentres preparaba a exposición. Agora xa teñen un calendario de actividades para os dous vindeiros anos. Pintos sinala que o proxecto lles permitiu facer o que sempre quixeron e afastarse dos métodos de funcionamento dos museos e das galerías. “As galerías procuran creadores recoñecidos porque o seu obxectivo é vender”, engade. Polo momento non desenvolveron ningún proxecto de colaboración con outros espazos semellantes coma o FAC de Santiago, aínda que non están pechados a facelo. O director do Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo, Iñañi Martínez, visitou as instalacións do Halcón e ofreceulles prestar material e axudarlles a atopar financiamento se o precisan.

Nos seus escasos seis meses de vida, o FAC tamén espertou unha gran expectación e moito público pasou polas exposicións que fixeron, malia estar situado nunha parroquia rural afastada do centro de Santiago. A crítica Ania González, unha das súas creadoras xunto aos artistas Diego Vites e Olmo Blanco, explica que o proxecto foi realidade grazas a que un dos artistas tiña unha casa cun galpón que podía habilitarse coma espazo expositivo. Deste xeito lograron sacar adiante un proxecto sobre o que xa viñan falando hai tempo. Un dos principais obxectivos é o de darlle unha saída a produción artística excedentaria que non atopa lugar para ser exhibida nos espazos convencionais. Malia a súa curta traxectoria, polos espazos do FAC xa pasaron artistas que traballan e expoñen de xeito habitual dentro e fóra de España. O vindeiro 12 de outubro abrirán a súa segunda tempada cunha mostra da comisaria Violeta Janeiro, que entrevistou e fotografou a 14 artistas chineses nos seus estudios de Shangai.

“Non é certo que sen cartos non se poida facer nada” dí Ania González
Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

“Non é certo que sen cartos non se pode facer nada, nós fixémolo”, explica González, quen destaca a gran acollida que tivo a súa iniciativa no mundo da arte. Por parte das institucións non ocorreu o mesmo, aínda que recibiron a visita dalgún responsable de salas institucionais, como de novo o director do Marco de Vigo ou o responsable do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou. González apunta que o FAC está a facer un labor que lles corresponde a outros xestores e lembra que en lugares coma Madrid, Valencia, Andalucía ou Cataluña non ocorre o mesmo que en Galicia e espazos semellanteas ao FAC teñen conexión e certo apoio por parte dos centros institucionais.

Outra iniciativa innovadora que está a punto de aparecer en Lalín é o proxecto Diálogos improbables, que consiste na apertura dunha sala de exposicións onde haberá seis mostras ao ano. En cada unha delas participarán dous artistas que non teñen nada que ver entre eles, case sempre un galego e óutro de fóra. Ángel Calvo, autor do proxecto, explica que as exposicións só permanecerán abertas unhas horas. As obras serán fotografadas e subidas a unha páxina web na que tamén figurarán textos sobre a exposición. Cada ano editarase un catálogo con todas as mostras celebradas. Calvo sinala que a súa xeración (ten 28 anos) sempre traballou con orzamentos de crise e iso non lles supón un gran problema. O ano pasado organizou un evento artístico en Lalín (Un disparo de advertencia) que durante unha fin de semana conseguiu levar a arte contemporánea ás rúas. O custe ascendeu a uns 5.000 euros. Como tamén sinalaba Ania González, Calvo bota en falta una certa implicación dos espazos institucionais con este tipo de iniciativas. “Acabo de chegar da Documenta de Kassel e ves que alí hai un apoio aos centros alternativos que aquí non temos. Iso é o que necesitamos nós”, engade.

“As institucións esquecen aos nosos artistas”

María Marco é a directora de Plétora, unha nova revista dixital que pretende cubrir o oco existente no terreo da crítica de arte contemporánea en Galicia. "Pretendemos dar visibilidade a moitos artistas do panorama local. Ás veces semella que a arte feita con poucos medios ten que ser peor que o que fan outros con máis cartos, e iso e algo que non sempre responde á realidade", indica Marco.

Na súa opinión, a aparición de novos espazos para que os artistas mozos poidan mostrar a súa obra é unha consecuencia de que existe demanda de arte por parte do público que as institucións non poden cubrir. “Os grandes centros e museos pretenden conseguir a artistas-estrela e esquecen ós que viven aquí”, engade.

Marco non é moi optimista sobre a posibilidade de que os novos espazos vaian a ter unha vida moi longa. "Quizais a oferta que temos acabe diluíndose, ademais falta colaboración entre os distintos espazos", apunta a responsable de Plétora, quen tamén lembra as limitacións, como é o feito de non poder pagar polo traballo que se desenvolve nestes lugares.

De tódolos xeitos, Marco considera que o que está a ocorrer debe “abrir os ollos” ás institucións para que presten máis atención a este tipo de iniciativas. “Algúns cren que xogan noutra liga pero logo tamén se queixan de que non hai tecido crítico nin educativo. Hai que seguir exemplos coma o do centro Reina Sofía, que fai grandes mostras pero tamén edita unha revista, promove a investigación e organiza cursos”.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_