_
_
_
_
_

O rural interactivo con igrexas 2.0

A Internet revoluciona parroquias e mosteiros. As reticencias dos relixiosos máis vellos opóñense á posibilidade dunha mellor protección do seu patrimonio

Rodrigo Rúa, co ordenador desde o que pode vixiar o interior da parroquia de Santa María de Rendal as 24 horas do día
Rodrigo Rúa, co ordenador desde o que pode vixiar o interior da parroquia de Santa María de Rendal as 24 horas do díaPEDRO AGRELO

A Rodrigo Rúa, párroco da igrexa de Santa María de Rendal, a visita intempestiva de ladróns aos seus dominios eclesiásticos non lle quita o sono polas noites. Desde que nesta parroquia de Arzúa irrompeu a conexión sen fíos a Internet, os interiores do templo permanecen vixiados 24 horas ao día por un sistema de videoseguridade ao que Rodrigo ten acceso permanente desde o seu móbil ou ordenador. Cando alguén pasa polo campo de visión dunha destas cámaras, o párroco recibe unha videochamada e ao momento sabe o que acontece. “Isto é como unha igrexa 2.0”, asegura.

Desde o seu dispositivo móbil, o párroco tamén controla a apertura das portas, o sistema de iluminación do templo e pode activar unha aplicación que simula o ladrido dun can. Moita “parafernalia” coa que Rodrigo só quere “disuadir aos cacos”. Pero unha das novidades que máis chamou a atención dos veciños tivo que ver cas campás da igrexa. Agora, un simple desprazamento táctil pola pantalla do móbil de don Rodrigo é suficiente para relegar aos libros de antropoloxía a arte de facer soar as badaladas. Aínda que, polo momento, prefire optar polo método tradicional. “Temos unha persoa que tira das campás desde hai moitos anos e ímolo seguir facendo coma sempre”.

O motivo de tanta seguridade non é un extenso currículum de substraccións na parroquia. “Só algunha cousa pequena hai tempo”. Mais o roubo do Códice Calixtino no verán de 2011 puxo sobre aviso aos responsables de moitos pequenos templos nos que, ao longo destes anos, proliferaron os roubos. O beneficiado deste crecente temor por parte dos párrocos de Galicia é un xoven emprendedor de Melide, Javier Mouriño, que desde os 17 anos se dedica a levar Internet sen fíos aos “puntos negros de conexión” do rural galego. A súa empresa, Intermax 2.0, conta xa cunha das redes sen fíos máis extensas de Galicia e actualmente dá servizo a máis de 3.000 habitantes de 60 concellos.

O seu sistema é sinxelo. Desde unha estación central ubicada en Melide emítense as ondas Wi-Fi e WiMAX a pequenos radioenlaces situados no cumio de montes estratéxicos que á súa vez rediríxenas a casas de particulares. Ou igrexas. Porque neste caso Mouriño atopou o nicho de mercado na dispersión poboacional, na complexa orografía do país e no desleixo dun patrimonio eclesiástico deixado da man de Deus.

Ao seu proxecto xa se acolleron un total de 12 templos. E non todos de pequenas parroquias. Encaixonado no medio dun val próximo aos montes de Lóuzara, a Internet deste mozo empresario irrompeu hai meses no corazón dun dos epicentros da meditación: o mosterio de Samos. E non o fixo sen polémicas. A chegada das páxinas web e as redes sociais causou certa reticencia entre unha comunidade de monxes acostumada a vivir afastada do mundano. “Especialmente entre os máis vellos”, aclara Luis Alberto Basarrate, o irmán responsable dos temas “máis tecnolóxicos”. “Os irmáns máis veteranos non son amigos destas moderneces. Pensan que pode contaminar a tranquilidade da vida monacal”. Con todo, até Samos todavía non chegaron as sofisticadas aplicacións de Arzúa e, polo momento, a rede emprégase como ferramenta de promoción do mosteiro no exterior. Aínda que tamén exploran a vía comercial. “Pensamos en empregar a web para dar difusión aos productos que vendemos no mosteiro”, explica.

Sexa como sexa, Luis Alberto confía en que a chegada da conexión sen fíos non distraerá aos seus compañeiros de convivencia nin os levará a facer “un mal uso” da Internet. “Se están aquí é porque optaron por outro camiño. Usalo como non é debido sería enganarse a si mesmo”

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_