_
_
_
_
_

Retorno a Britania e nazis en Vigo

O máis recente da oferta editorial vai dende unha novela artúrica aos relatos de terror de Fernández Paz ou o novo ensaio de Lamas sobre a identidade galega

O poeta Carlos Negro le un manifesto ante os concentrados en defensa deste espazo cultural / ANXO IGLESIAS
O poeta Carlos Negro le un manifesto ante os concentrados en defensa deste espazo cultural / ANXO IGLESIAS

Dende algúns sectores culturais sempre se sostivo a idea de que o libro galego debía medrar ocupando novos espazos que lle permitisen chegar a nichos de público non considerados, de entrada, como lectores habituais no noso idioma. Conquistalos pola forza dos feitos, isto é, polo interese e a calidade dos produtos que ofrece o sector editorial galego, para rematarmos de vez cos prexuízos que actúan como unha barreira invisible que afasta a tantos públicos potenciais da lectura en galego. Como parte desa estratexia podería considerarse a publicación de Un pozo moi fondo do doutor José Luis Iglesias Diz, un manual básico sobre os trastornos alimentarios escrito por un veterano pediatra do hospital de Santiago que leva toda a vida tratando adolescentes con esas patoloxías. Un pozo moi fondo combina o rigor científico do profesional co alento divulgativo de quen é plenamente consciente da necesidade de achegar información asequible e de calidade a familiares, ensinantes ou simplemente persoas interesadas por un problema de saúde que ameaza ás novas xeracións.

En canto ás novidades narrativas destes últimos meses, comecei a lectura de Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño cunha certa canseira, froito da saturación artúrico-cunquieriá tras o centenario do escritor no 2011. Mais a obra engaioloume por razóns varias. En primeiro lugar, pola intelixente desenvoltura con que a escritora manexa todo ese magma da materia de Bretaña por unha banda, e do macrotexto cunqueiriano por outro: o resultado é un singularísimo equilibrio entre a tradición e a rescritura do mito, unha harmónica convivencia entre Morgana e Felipe de Amancia que semella o máis natural do mundo. Caamaño é quen de ofrecernos unha nova reconstrución plenamente coherente da historia artúrica, da filiación do rei, do seu matrimonio con Xenebra e a súa relación con Morgana… ao tempo, convídanos a pescudar na identidade de Merlín, que aquí resulta un personaxe clave na historia de Britania e moito máis rico, profundo e sedutor ca o meigo de Esmelle que creara don Álvaro. En segundo lugar, pola calidade dunha prosa que se vai dotando dun ritmo propio que se nos impón. Combinando tres fontes, que son tamén tres puntos de vista diversos e complementarios, o texto articúlase por medio dun coro de voces que se alternan en convincente polifonía.

As rapazas de Xan, a primeira novela de Manuel Iglesias Turnes, deixoume un tanto atónita. É unha curiosa mestura: un algo de conto popular, outro pouco de fadas (Carmela non deixa de ser unha sorte de Cinsenta rural), un chisco de apólogo moralizante e un moito de costumismo antropolóxico. O público dirá agora se este tipo de textos están definitivamente caducos ou se poden suscitar de novo o seu interese, investidos para as novas xeracións dunha dimensión documental, na medida en que levantan acta dunha realidade que para eles é xa historia.

E malia todo, hai país

Celebrouse o Premio Xerais en San Simón e chamoume a atención o público asistente: escasa clase política e poucos escritores e escritoras, o que me confirma certa desarticulación e rechamante carencia de sentido gremial (nunca repararon nos poucos escritores que acoden ás presentacións ou á entrega de premios a colegas?). Para compensar, moita tropa de base, xente amante da literatura, desa que contaxia o verme da lectura a estudantes, fillos, concidadás… un público que sintonizaba cos gañadores do premio de novela: un pai e unha filla que poderiamos ser calquera de nós, amarrados ao norai das palabras. Quizais faltou glamour pero, paradoxalmente, resultou confortador comprobar que hai país.

Polo demais, e aínda que non fose do agrado de determinados sectores, o hashtag #CubatasdaLiteraturaGalega revelou que temos unha mocidade máis integrada no discurso literario galego do que pensabamos: manexalo con esa desenvoltura, mesmo para desacralizalo, pon de manifesto unha familiaridade impensable hai tres décadas, cando Suso de Toro recomendaba facer croquetas coa momia de Castelao como exercicios de hixiene literaria. Un toque de hibridismo desmitificador é bo para a saúde individual e colectiva, como sabían Rabelais e Bakhtine.

E pasou Galeano polo Gaiás: indignados pola falta de espazo (non hai sitio con máis aforo na Cidade da cultura?), escoitamos de novo as palabras esenciais, as que cómpre recuperar para non perder o norte. Galeano dixo medo, amor, mentira, solidariedade, disidencia… e puxo un pouco de luz nese grisallento túnel cara a ningures no que algúns queren converter as nosas vidas.

De cando en vez cómpre lembrar que os premios literarios non só valen para canonizar textos e autores, para descubrir textos singulares e novos talentos ou para confirmar outros xa consolidados. A súa utilidade transcéndeos pois adoitan deixar un rego de obras notables que chegan, antes ou despois, a mans lectoras. Ese é o caso de Os fillos do mar de Pedro Feijoo, finalista do Xerais 2011, e unha pensa que non se quería ver na difícil tesitura á que se enfrontou aquel xurado que tivo que decidir entre este texto e o Extramunde de Xavier Queipo, que finalmente obtería o prezado galardón. Os fillos do mar é unha extensa novela de aventuras na que a trama comparte protagonismo coa cidade de Vigo, que Feijoo nos convida a redescubrir, tal é a capacidade vivificadora da súa ollada.. Se cadra, hai demasiados elementos nesta trama: nazis, exiliados, tesouros, herdanzas, amor, crimes… pois coa xenerosidade propia do novel, Feijoo utiliza máis materiais dos que precisaría para edificar esta poderosa maquinaria ficcional. A novela reivindícase como un best-seller: innecesario exercicio de modestia, pois o texto posúe méritos propios dun escritor con maiúsculas; por exemplo, o protagonista, debuxado con sutileza e humor nos seus labirintos existencias e ben afastado do estereotipo que cabería agardar en obras deste tipo.

E para os que gustan de emocións fortes, Agustín Fernández Paz convídanos a experimentalas cunha dobre aposta polo terror fantástico. Por unha banda, coa recuperación de Aire negro para a colección Narrativa de Xerais, unha novela xa publicada en 2000 e que mantén intacta a súa capacidade de intriga. Como novidade, As fronteiras do medo, unha maxistral colección de relatos. Ambas, imprescindibles para amantes do xénero de todas as idades, poden ser axeitadas lecturas para partillar en familia.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

No eido do ensaio, un par de novidades que prometen intensas horas de lectura: a magna biografía de Manuel Murguía por Xosé Ramón Barreiro, longamente agardada, permitirá non só unha revisión ponderada da figura do historiador e intelectual senón tamén un mellor coñecemento da historia da Galicia daquel tempo; e a luz que o libro poida deitar sobre Rosalía de Castro, aínda que sexa indirecta, é un dos seus aspectos que suscita maior expectación. Canto a Fisterras atlánticas de Santiago Lamas, non se enganen cun título que na miña opinión resulta, por incerto e tópico, pouco alentador: escribindo cunha fluidez non exenta dunha certa distancia humorística, Lamas articula unha visión persoalísima da nosa identidade, allea a calquera esencialismo e de vocación cosmopolita. Lamas pescuda na xenética e na literatura, bota man de falsarios e heterónimos, viaxa a Escocia e aos Alpes, dialoga con Castelao e cos detectives hard boiled, e consegue unha obra tan pouco sentenciosa, tan “borrosa” (por tomarlle prestado o termo ao propio Lamas) coma informativa e entretida.

En poesía, non deixen de viaxar con Lorena Souto polas “rutas perdidas que abren as súas portas” no noso baleiro. O seu poemario Fase de trema podería ser a tradución poética dunha crise esquizoide se non fose porque unha se recoñece doadamente nese eu lírico no que ecoan e conflúen voces das mulleres que somos, das que quereriamos e non quereriamos ser, das que nos precederon, das que seremos (ou non) , das que a xente quere que sexamos… Fálanos dende tan preto esa voz, dende tan dentro, e cunha linguaxe tan transparente, que semella ser a nosa, e de aí xorde a inquietude que sementa en nós este poemario, máis impactante aínda pola súa falta absoluta de grandilocuencia.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_