_
_
_
_
_
OPINIÓN

Reacción antipedagóxica

A sociedade cambiou profundamente, e hai cousas que se perderon e que facemos en falta. Así e todo, non idealicemos de máis ao pasado

Desde hai uns anos aflora un reaccionarismo profundo defendido cunha argumentación ilustrada. Critícanse cousas que non funcionan ben na vida pública e propóñense como alternartiva medidas regresivas, pouco e pouco enúnciase un programa político ideolóxico que custiona a democracia e propugna unha regresión. Téñolle chamado a este movemento ideolóxico "a dereita pija”, obxeccións aos cambios que fixeron da sociedade española unha sociedade menos inxusta, menos feroz e que repartiu un pouco mellor as oportunidades. Críticas ilustradas, pero desde posicións fondamente clasistas.

A falar claro, falo de min, son un producto deses cambios sociais. Grazas aos cambios no sistema educativo propiciados pola tutela dos EE.UU. e o FMI nos anos cincuenta, cando Franco ficha aos tecnócratas do Opus Dei, puiden ter estudos que me permitiron moverme dentro da sociedade fóra dos espazos dos meus maiores. Como lle ocorreu a tantos. Trátase dun fenómeno histórico dun calado sociolóxico enorme, hai cincuenta anos estudaba unha minoría seleccionada socialmente e hoxe estuda a totalidade dos rapaces e rapazas. En cumprindo os dez anos nenos e nenas abandonaban a escola e entraban a traballar nun taller ou almacén, hoxe están na aula cos demais rapaces. Quen non coñeceu esas realidades pode que en falando da educación estea a falar do que ignore, por máis carreiras que teña e por máis citas científicas que aduza. Porque se non falamos diso, de que estamos a falar?

A sociedade cambiou profundamente, e hai cousas que se perderon e que facemos en falta. Así e todo, non idealicemos de máis ao pasado: non había boas maneiras, era sumisión; non había orde social, era violencia e medo; non había civismo, era salvaxismo estabulado. Con todo o que nos molesta desta sociedade é infinitamente máis humana que a que coñecín na miña primeira infancia, e xa non falo da de antes. Aquí, quitados escasísimos ambientes sociais que prácticamente desapareceron coa guerra, apenas houbo cultura cívica. O que houbo foi moita inxustiza, a que padeceron desde as mulleres aos xornaleiros dos terratenientes andaluces, os mineiros, os operarios, o campesiñado todo, os mariñeiros, as persoas diferentes por razóns de ideoloxía, sexualidade…Non hai un "antes" ao que regresar en ningún campo, menos aínda na educación. As insuficiencias e os males do noso tempo e da sociedade española maniféstanse antes de nada nas aulas (só o profesorado e os traballadores da sanidade saben como é este país por dentro). O profesorado afronta problemas que piden solucións, pola contra a administración ofrece máis burocracia para enredar e recortes para agravar as deficiencias.

Mais a solución aos problemas non vai ser negar a sicoloxía e, sobre todo, a pedagoxía. O "Panfleto antipedagógico" de Ricardo Moreno concitou a ese novo conservadurismo ilustrado, hai nel críticas razonadas que merecen ser atendidas recoñecéndolle razón aquí ou alí, porén hai unha distancia humana tan grande entre a figura do profesor que debuxa e as outras persoas que habitan as aulas, o alumnado, que me pareceu un libro tristísimo. Desesperanzador e involuntariamente clasista; insisto no "involuntariamente". O libro, ante a realidade social complexa e conflictiva que temos diante, evoca un mundo que nunca existiu realmente: fóra das aulas con alumnos aplicados e en harmonía había nenos escravos do traballo. A cada vez máis voces van conformando ese coro ubicuo que canta á liquidación dos cambios na educación: a LOE, a LOXSE, os equipos pedagóxicos…

Está esquecida Ferrer i Guardia, Rosa Sensat ou Freinet, porque o programa de democratización da sociedade da oposición antifranquista foi diluido, licuado e burocratizado, mais o impulso pedagóxico é imprescindíbel se non queremos que o sistema educativo sexa unha máquina de anular persoas. Precisamos correxir os erros da educación destas décadas, mais non voltar a un sistema educativo dunha sociedade afortunadamente extinguida. Non hai que criticar as cousas boas conquistadas, esas debemos pedir que funcionen ben, o que hai que criticar é o que nos están a quitar agora. Que non privaticen a educación como esperanza para todos os rapaces e rapazas.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_