_
_
_
_
_

Presenza de Vidal Bolaño

Roberto escribiu, traduciu e adaptou, e se, por unha parte, nos mostraba un mundo animista, metade lendario, metade grand-guignol pola outra contaba, en forma metafórica ou expresa, as verdades

Fálase de pedir para Roberto Vidal Bolaño o Día das Letras que hoxe se decide. Solicitámolo, de feito, un numeroso grupo de persoas que, sen esquecer outros candidatos —e lembro aquí o eternamente preterido Carvalho Calero—, quixeramos ver como un home que tanto significou e significa para a restauración do noso teatro ocupa un lugar nesa galería que facilita a visibilidade a través da publicación, a representación e a análise dunha obra fundamental no tempo en que se insire.

Roberto recolleu, do lendario compostelán e galego, mitos e tradicións, personaxes e mesmo tratamentos. El mostraba o mundo tradicional cunha prosa abundante, que por veces tiña que escolmar para que non asombrase a trama, dando paso, ao tempo, a unha chea de episodios, medidos por un reloxo permisivo, mais tamén implacábel. Deste xeito, facía do propio tempo a súa construción máis viva e relevante, como un contador de feira. Certo que tiña, para definir e afortalar ese sistema, unha autoescola singular: o cinema, a caligrafía do audiovisual. Alí aprendería a pesar unha escena coas medidas do plano e da secuencia, sempre máis lixeiras e progresivas do que a escena ou o acto, e especialmente convintes para un contador de camiños —Días sen gloria, Doentes...— precisado da mutación constante de plano, da levedade da secuencia, fronte ás vellas estruturas dramáticas.

Nunha ocasión, case ao final do longo periodo de dobraxe de filmes e series, con Laura Ponte, primeira muller de RVB, recén estreado o primeiro computador, traballaba na escrita dun episodio —penso que se trataba dunha das primeiras series que se ían gravar no país—, cando unha treboada lle levou o escrito para o reino de nonvoltarás. Continuouno e lembro que lle dixen que non sei o que faría eu, de ter sido a vítima. El, polo contrario, resolveu o tema cun palabrón, ou iso foi o que me ficou na memoria, recomezando a escrita do perdido. E non foi esta a única vez que tivo un revés á maneira. Lembremos que se despedira —provisoriamente, meigas fóra— do teatro cunha obra titulada Caprice des dieux, o nome dun queixo francés e unha resposta á política cultural da Consellaría, por unha parte, e pola outra, a aqueles sectores ou persoas da profesión teatral máis transixentes...

Roberto escribiu, traduciu e adaptou, e se, por unha parte, nos mostraba un mundo animista, metade lendario, metade grand-guignolLaudamuco, señor de Ningures, Bailadela da morte ditosa ou Agasallo de sombras—, pola outra contaba, en forma metafórica ou expresa, as verdades de Percival, As actas escuras, Rastros ou Animaliños.

Teatro Antroido, primeiro, nos albores do teatro independente, e despois, con Belén Quintáns, Teatro do Aquí, rótulo que foi unha declaración. Na fronteira, talvez, Saxo Tenor, en que a linguaxe cinematográfica tomou camiño, con algunhas novidades; mais non tantas, felizmente, que borrasen a episódica beleza de Días sen gloria, nado uns anos antes na Coruña como Xubileu... E que verque as súas augas en Doentes, por non falar dos espectáculos que dirixira... Quen non se lembrará de Rosalía, por exemplo, sobre poema escénico de Otero? Opino que este traballo bastaría para o consagrar como rotundo creador escénico, así como calquera da súa autoría literaria para o titular de mestre da dramaturxia. Por que non a última obra que vimos, As actas escuras, que tivera que esperar varios anos para ser soportada polo obtuso poder albergado en obtusas mentes, nunca satisfeitas?

Veña, pois, para Roberto, o Día das Letras, que mal non lle ha facer á súa obra nin a nós, os beneficiarios máis directos; quero dicir, a tropa do País...

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_