_
_
_
_
_

Termodinámica e tradición

PELdeNOZ experimenta co cancioneiro popular recollido por Dorothé Schubarth

Os membros do dúo PELdeNOZ, Alberto Rodríguez (esquerda) e Alonso Caxade.
Os membros do dúo PELdeNOZ, Alberto Rodríguez (esquerda) e Alonso Caxade.

Consigna e economía política coinciden no caso de PELdeNOZ. O primeiro disco do dúo leva estampado na portada o mesmo principio activo que organiza o seu laboratorio: jazz&trad. Non era sen tempo, a verdade. Hai xa sete anos que botou a andar o proxecto coa teima elemental da termodinámica por diante: “A tradición non se crea nin se destrúe, transfórmase”, acuñan nun correo electrónico. O acordeonista Alonso Caxade (Orquestra Os Modernos, Cuarteto Caramuxo) e o contrabaixista Alberto Rodríguez (PédeBoi, Dios Ke Te Crew), xuntos tamén en CabRaret, traballan no jazz e o blues as melodías que van apañar primeiro no cancioneiro tradicional galego.

Hai polos menos tres elementos singulares en jazz&trad, unha autoedición de 500 copias en CD con licenza Creative Commons que xa se pode atopar na Rede (www.reverbnation.com/peldenoz) e algunhas tendas de discos. A primeira, unha infrecuente parella de baile: contrabaixo e acordeón ao seu, acompañados nalgúns dos cortes pola voz exenta de Xandre Outeiro (Projecto Trépia). A segunda, os arranxos: Caucarraucau no Mississippi, a Carolina a dous milímetros escasos da abstracción e así sucesivamente. A terceira, as fontes: case todas as pezas saen do Cancioneiro Popular Galego reunido pola suíza Dorothé Schubarth tras unha viaxe a Galicia en 1978.

“O seu tratamento denso pero tamén divulgativo, elegante e agarimoso, metódico e profundo, abriu un camiño no ámbito da etnomusicoloxía en Galicia que descoñeciamos e que nunca antes fora experimentado", argumenta Caxade en torno ao traballo de Schubarth, unha serie de gravacións e transcricións que se conservan nos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia. “A súa investigación pechou unha etapa”, continúa, “supuxo a fin do romantismo musical e as recollidas de campo feitas por neófitos e abriu un camiño novo do que aínda no sabemos percorrido e meta".

Gravado nos estudios de Radio Galega, o debut de PELdeNOZ reúne 10 cancións. Abre a Carolina nunha apropiación instrumental e seguen Regüelhe, sobre unha muiñeira recollida en 1980 nese lugar da parroquia de Olveira, en Dumbría (A Coruña), e dúas pezas ligadas ao repertorio de Florencio López, o Cego dos Vilares: Leonor, un dos temas máis diáfanos e conmovedores do disco, e Vilares, un áspero canto de arrieiro. Uxía de Numide é unha canción de berce que o propio Caxade escoitou da boca dunha cativa de tres anos en Ordes, e Arrigar em Lobeira parte dun canto de apañar o liño que Schubarth aprendera de Xaquín Lorenzo Xocas e este, pola súa vez, recollera nos anos vinte. Pechan unha xota, O arroio; outra peza do Cego dos Vilares, Caucarraucau; e un canto de labor recollido por José Inzenga (1828-1891) en Ourense, Tróupele Tróupele.

Fragmentada —cando non anestesiada polo pasado continuo da retromanía— certa capacidade de innovación na música popular contemporánea, a dialéctica entre o rock e o folk está hoxe devaluada, tamén en Galicia. A Caxade, ademais do acordeón, dánselle ben as metáforas: “Habería que ir pasando do samba galego á bossanova, e iso require cociña de ferro e lume lento. Schubarth cartografou o samba, agora é cousa nosa chegar á bossanova”. A falta de exercicios de apropiación análogos aos de Nacho Vegas e Xel Pereda con Lucas 15 (2008) arredor da música tradicional asturiana, PELdeNOZ propón a súa química: o jazz&trad, “onde trad é seguridade, calma, orientación e equilibrio, e jazz é liberdade, variación, improvisación, diversión e xogo".

Lonxe destas coordenadas, a bisagra do verán debería traer varios discos. Na lista de espera segue, inexplicablemente, o primeiro LP de Srasrsra, que Discoteca Océano prometera publicar hai xa varios meses. Inminente é a saída do novo de Diadermin no catálogo de Enanos Gigantes, selo que abandonaron Franc3s para publicar con Limbo Starr o seu segundo disco, xa gravado e previsto para o outono. O que segue a ferver é verkami.com, a plataforma de crowdfunding. Tras os pasos de Galician Bizarre II ou o colectivo Metamovida, que xa acadaron o seu financiamento, andan agora proxectos tan dispares como o dos vigueses Cró!, os dous tributos a Zeca Afonso (Terra da fraternidade) e Magín Blanco (Doutor Apertas) ou o “disco díscolo” do dúo Os da Ría.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_