_
_
_
_
_

Unha épica en construción

Malia o seu impacto social na historia do país, a literatura só reflicte de maneira irregular a epopea dos emigrantes dende o século XVII

Imaxe dos pasaxeiros de terceira clase nun barco que se dirixe a Buenos Aires. A foto pertence ao libro Galegos: as mans de América
Imaxe dos pasaxeiros de terceira clase nun barco que se dirixe a Buenos Aires. A foto pertence ao libro Galegos: as mans de América

Co sintagma “viúvas dos vivos”, Rosalía de Castro rexistrou, en Follas Novas (1880), a ferida migratoria aberta en Galicia. A poeta escribía cando as primeiras estatísticas oficiais do Goberno español ofrecían datos da emigración oficial: entre 1860 e 1880 deixaron o país 122.875 persoas. Como a literatura dificilmente se desanoa do mundo en marcha, continuou dando conta do exilio económico que asollou o territorio ao longo do século XX. Aínda a falta dunha épica da cuestión —así o denuncia Xavier Alcalá—, as pegadas de galegos á procura dunha vida mellor polo mundo adiante aparecen unha vez e outra nas letras galegas. Xosé Neira Vilas en Esperando o leiteiro (Galaxia 2012) e o propio Alcalá en Verde oliva(Galaxia, no prelo) son as máis frescas mostras.

O detective Frank Soutelo, o personaxe creado por Miguel Anxo Fernández e protagonista de catro novelas de serie noir, é fillo de emigrantes a California. N’A fame fatal de Alberto Lema, lembra a coordinadora da revista de libros Protexta, Ana Salgado, a protagonista anuncia que marcha para as Canarias. Da Porta blindada de Margarita Ledo sae Antón Moreda, histórico galeguista da emigración marxinado dende os cenáculos piñeiristas. As maneiras en que o fenómeno social máis relevante da historia recente se entremete na narrativa son múltiples, equívocas, fragmentarias, ruinosas. “Non entendo como desaproveitamos a oportunidade da épica”, considera, ao respecto, Xavier Alcalá, “non entendo como cada escritor galego non ten unha novela sobre a emigración; dá para todos”.

El formulou a súa proposta en, por caso, Nos pagos de Huinca Loo (Nós, 1982) ou Latitude Austral (Galaxia, 1991). Nestas obras enfronta os viaxeiros galegos coas grandes extensións baleiras da Pampa, aló onde o pequeno Castelao gardou memoria da pulpería do seu pai. Para Verde oliva recorreu ao outro país receptor de emigrantes, Cuba. “É unha historia que se repetiu moito, pero da que non sabemos nada”, afirma. Trata dunha familia como outras, que durante xeracións e xeracións estabeleceu contactos laborais coa illa, até que a Guerra Civil interrompe os regresos e instálase na outra banda do océano. A protagonista da novela, galega de nación, entra no combate contra a ditadura de Fulgencio Batista e, “tal na loita pola liberación de Alxeria”, traballa na guerrilla urbana como correo que arrecada financiamento para armas.

Pero os galego-cubanos que desfilan polas páxinas de Alcalá apenas se parecen aos do outro escritor que atendeu á mesma materia. Se Neira Vilas colleita as vidas dos adeptos ao socialismo castrista, Verde oliva dá conta dos que pelexaron contra Batista —“foi unha revolución interclasista”— e logo se distanciaron dun réxime que, acosado polos Estados Unidos, arrimouse á Unión Soviética. “É normal que se afastasen. Fidel pechou o Centro Galego nada máis chegar ao poder”. Daquela, 65.000 emigrantes facían parte del.

O universo-emigración de Neira Vilas

Se un escritor fixo da emigración o seu universo literario, chámase Xosé Neira Vilas (Gres, 1928). Entre Camiño bretemoso, o seu terceiro libro e o primeiro en que abandonou a indagación na condición labrega para se centrar no exilio económico, e Esperando o leiteiro (Galaxia), un monólogo sobre a violencia migratoria igualmente radicado en Buenos Aires, pasaron os anos que van de 1967 a 2012. “Perdiches o coche de liña, cargaches coa maleta que pouco leva e pouco pesa, puxeches pés ó camiño, e xa estás no Empalme”, di, na súa última novela para adultos o autor de Memorias dun neno labrego, “sabes que non podes recuar. Mañá sae o barco de Vigo e tes que entrar nel, nas horas que che dixo o da axencia ou quedas fóra”.

Neira Vilas marchou para a Arxentina en 1949. A historia do seu contacto cos republicanos expulsos de Galicia, o poeta Lorenzo Varela ou Luís Seoane entroutros, é sabida porque a contou, por caso, nos tres volumes de Memorias da emigración (1994-1996). Pero a ficción tamén se nutriu das experiencias e materiais do tempo arxentino. Historias de emigrantes, editado no 68 polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo, responde ao seu título con precisión. Sete anos antes trasladárese a vivir á Cuba revolucionaria. E aínda que a illa fornecería ao narrador de relatos e vidas para os seus libros, non por iso abandonou como escenario literario a quinta provincia. Con Remuíño de sombras, de 1972, fragmentou a liñalidade narrativa para trazar un retrato colectivo dos galegos de Buenos Aires. Probabelmente o seu libro esteticamente máis complexo, a explotación, a soidade, o alleamento urbano ou a morriña entretécense nunha obra que, ademais, recicla técnicas de Manhattan Transfer.

Os tipos galegos circulan igualmente por Tempo novo (1987). Mais o espazo é o Caribe. Igual que nas crónicas xornalísticas de Galegos no Golfo de México (1980) —en que o protagonismo cae sobre o proletariado mariñeiro anterior á caída da ditadura de Fulgencio Batista—, Tempo novo atende a como os seus compatriotas se desenvolveron na Cuba socialista. “Andando o tempo tivo lugar aquí, como é sabido, unha transformación revolucionaria, no orde político, económico e social”, antepón Neira Vilas ás pezas do libro, antes de se preguntar: “¿Como reaccionan diante desa situación os nosos emigrantes?”. A conclusión avánzaa el propio: “Incorporáronse maioritariamente ás tarefas da nova sociedade”.

Aos emigrantes galegos en Cuba volveu en numerosas ocasións, aínda que a xeito de reportaxe histórica e xornalismo de arquivo: Galegos que loitaron pola independencia de Cuba (1998), Manuel Murguía e os galegos da Habana (2000) ou Presenza galega en Cuba (2010)

Arredor de Cuba tamén xira o libro en que agora traballa Xavier Queipo. “Como é un grande escritor”, di Alcalá, “temos a esperanza de que apareza esa novela de alento épico”. Algo así intentara Víctor Freixanes, un dos autores que máis ten reflexionado sobre a emigración como posibilidade dunha épica, n’A cidade dos Césares (Xerais, 1992). Ou na segunda parte da súa última incursión na literatura, Cabalo de ouros (Galaxia, 2010). “A narrativa é a outra forma de pensar un país”, considera Freixanes, “conta as sombras e o que non sempre contan ben os historiadores ou os economistas”. As súas teses implican a necesidade dunha revisión histórica funcional a unha “nación de galegos” que “sempre perdeu as batallas, de Monte Medulio a Cacheiras”. “Por iso a nosa épica, o noso relato heroico, debe ser a emigración, unha épica do traballo”, puntúa.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Por caso, aqueles homes que construíron a ponte de Brooklyn en Nova York, e aos que Luís Seoane dedicou un poema en Fardel de eisilado (1952): “Traballábamos silenzosos, espidos deica os cos / coas pas, as eixadas e coas picarañas, amuados, / gotexando suor, escorrendo na lama, nos terrós, / caíndonos na iauga xiada do río, enlameirados”. Entre 1880 e 1930 saíron de Galicia un millón e medio de operarios. Algúns deles van dar aos textos de Avilés de Taramancos, residente nunha Colombia que hoxe achega a terceira comunidade inmigrante —logo de Portugal e Brasil— ao país. Apenas algo máis.

Bieito Iglesias arriscaba, nunha entrevista con este xornal a propósito da publicación de Contos da Terra da Tarde (Galaxia, 2011), unha explicación para esta ausencia na literatura galega. Segundo a súa teoría, os emigrantes que navegaron o Atlántico eran, na súa maioría, xente iletrada e non puideron deitar as súas experiencias na escrita. “Hai moito embiguismo, e todo o mundo mira para o embigo propio e nin sequera para a propia familia”, contradí Alcalá, “se non hai que ir máis lonxe que á historia do avó”. Pallarega (Toxosoutos, 2012), de Marcelino Fernández Mallo, é o exemplo que coloca do contrario: o relato dun home, case o do pai do escritor, que sae a Madrid e de aí a La Habana. “Está moi ben, pero é próximo á biografía”.

Nese cruzamento de factores emerxe outro silencio, o que atinxe á emigración á Europa posterior á Segunda Guerra Mundial. Trescentos mil galegos viaxaron cara ao norte para participar, nunha posición subalterna, da reconstrución industrial dos territorios arrasados na contenda. Xohana Torres novelouno. Adios, María (Galaxia, 1971) válese dunha sucesión de monólogos para relatar como unha rapaza de 15 anos asume que os seus pais emigran ao norte de Francia e ela queda a cargo do seu irmán pequeno. Torres, académica e voz poética fundamental, hai anos que se gorece no mutismo público. É Freixanes quen cualifica o libro como “a primeira obra importante sobre a emigración europea”. E unha das poucas.

“Cando comecei, tiña consciencia de que a literatura galega apenas tratara a emigración a Europa ou, máis en xeral, a Europa”, expón Eva Moreda, autora d’ A Veiga é como un tempo distinto (Xerais, 2011), nun correo dende Londres, “pero logo pasou a interesarme principalmente a historia de amor entre os dous protagonistas e non unha narrativa totalizante sobre a emigración”. Cos relatos de A-Z (Xerais, 2003), de Xesús Fraga, e coas novelas de Carlos Durán Galegos de Londres (Do Castro, 1975) e Os saltimbanquis no paraíso de Xelís de Toro (Sotelo Blanco, 2000), que Moreda rescata, A Veiga... é da escasa obra recente escenificada nas comunidades galegas migrantes en Europa. “Non sei por que, pero nos últimos anos algunha xente saiu co retrouso de que a emigración é un tema moi trillado, pero a min paréceme xustamente ao contrario”, afirma. Nin voces de mulleres, nin voces de retornados aparecen nas letras galegas, engade. “Galicia ten unha relación conflitiva coa súa diáspora”, conclúe Moreda, “e é inevitable que iso se reflicta na literatura”. Contra a caricatura —“os emigrantes a Europa como persoas de escasa formación só interesados en traballar as máis horas posibles, escoitar Ana Kiro no centro galego e ir chorar aos programas da TVG”—, dar voz aos que marcharon. E aos que aínda marchan.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_