Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra

A parte de nós que non gusta

A terceira edición de ‘Pornografía’, o primeiro libro de Lupe Gómez publicado en 1995, recupera unha poesía urxente sobre “cousas que están mal vistas”

A poeta Lupe Gómez, o mércores na rúa Nova de Santiago.
A poeta Lupe Gómez, o mércores na rúa Nova de Santiago.

“A muller é / un cristal / atravesado por / unha patria”, din catro dos versos máis célebres da poesía recente. Pertencen a un libro que atoutiñou para ver luz, rexeitado por editoras e premios e finalmente sufragado pola autora e tres amigos, mudou en texto de culto e, 17 anos despois, acada a súa terceira edición. Pornografía, a estrea literaria de Lupe Gómez (Fisteus, 1972), interrompeu o curso das letras galegas coa súa antilírica, coa súa retórica violenta, cortante. Coa súa “poesía fea”, como titulou a poeta o seu terceiro libro. “A min dábame igual que gustase ou non”, lembra agora Gómez, “temos que incentivar esa parte de nós que non gusta; a poesía non ten que compracer a ninguén”.

Palabras que semellaban prohibidas entraron, a través de Pornografía, na tradición da literatura galega. “Construimos o sexo / cos nosos dedos”, expuña nun haiku libre de nome CERÁMICA. Putas, vacas, sexo triste pero nunca inhibido, existencialismo lacónico, mulleres non sumisas, fluídos corporais, boxeo, a violencia dunha vida non amábel, tetas. “Hai cousas que non se poden dicir, ou que están mal vistas, ou que non lle gustarían ao cura de Fisteus”, argúe quen, en 1999, publicou Os teus dedos na miña braga con regra, “pero hai que dicilas igual, aínda que só sexa pola liberdade de expresión”.

Pero cando aquel libro naceu, xa tiña anos de idade. Botárase á vida por tabernas e pubs, en recitais de toda condición. Era a denominada Xeración dos Noventa, que, segundo o consenso crítico, sacou a poesía da academia. “Houbo unha aposta renovada pola poesía en voz alta, pola poesía pública e performativa, concretada no auxe de recitais e intervencións en lugares inicialmente non previstos”, considera o investigador Isaac Lourido nun correo electrónico. Nese escenario, Pornografía foi debuxando as súa contornas, ate o punto de que a autora mesmo sentiu medo ao transferilo ao papel. “Tiña esa forza oral dos recitais, de cando as palabras se poñen en pé”, explica Gómez, “e eu temía que a perdese ao mudar en libro”.

Non pareceu ser o caso. Uxío Novoneyra (O Courel, 1930 - Santiago, 1999) oficiou de pai de Pornografía nun café da cidade vella de Santiago. “Recibiume como unha filla, el era unha persoa moi boa”, fai memoria, “emocionábase cando me escoitaba recitar”. Os poemas ditos por Lupe Gómez adoptan a urxencia do que non pode ser calado. “Unha poesía non-lírica”, describe Isaac Lourido, “estridente, procaz, vinculada á acción”. En voz moi alta, seca. Foi por esa dicción que Novoneyra decidiu emparentar a Lupe Gómez con Rosalía de Castro. E unha mostra de que as célebres desavinzas entre o autor do Vietnam Canto e os poetas dos noventa —enunciadas tras a lectura dun manifesto de Rafa Villar— non foron totais.

“A poética de Lupe Gómez non foi asumida nin recoñecida por sectores importantes da crítica e do sistema literario en xeral”, opina Lourido, “e iso parece claro nos ámbitos afíns ao proceso normalizador que acompañou o desenvolvemento da autonomía”. Outros estudosos —por caso, Arturo Casas ou Helena Miguélez— si aprezaron unha poética incómoda e límite. Tamén o fixeron, conta a poeta, os seus veciños de Fisteus. “É que Pornografía non é unha poesía culta”, di, “gústalle á xente que non son escritores, á xente que me dicía ‘non me gusta ler, pero gústame o teu libro”. Algúns escritores contradina: Gómez mantén correspondencia con John Berger, Xosé Neira Vilas ou Antonio Gamoneda. A partir desas cartas, redactadas a man —“recupero ese acto de pintar, case animal”—, constrúe a súa nova obra, Fosforescencias.

Antes exporá de novo en público Pornografía, o traballo sobre o que medraron outros 13 libros: “Sei todos os seus poemas de memoria e estiveron sempre aí”. E eses poemas volven ás librarías da man da editorial Positivas e cun limiar do xornalista Fran P. Lorenzo. A segunda edición fixéraa El Correo Gallego co Concello de Santiago. “A idea de reeditalo foi de Paco Macías [DE POSITIVAS]\[de Positivas\], que xa no seu día me axudara coa distribución da primeira edición”. Esa relación serviulle a Gómez, ademais, para coñecer a Lois Pereiro. E para publicar no semanario A Nosa Terra unha das últimas entrevistas do autor de Poesía última de amor e enfermidade.