_
_
_
_
_

A cultura celebra a súa propia resistencia

Enquisa entre as xentes da cultura sobre o máis sobranceiro do último ano

A cultura adoece dun abandono deliberado. Ou iso din os que, para referirse a ela, falan de resistencia. Nun ano marcado pola desaparición da Consellería de Cultura e por uns recortes que devolven as ideas aos caixóns, non hai nin tres reás para unha ópera. Con todo, no Extramunde da cultura galega aínda sobresaen iniciativas que rachan coa desidia. Admirando a condición, o último disco de Sés é un deses exemplos, pero non o único. A metamorfose de Shakespeare, que migra ás novas tecnoloxías con Amores Prohibidos 2.0, é outra das pezas deste crebacabezas. O ano Pereiro cargou de contracultura o ambiente con apostas como Ruído negro ou Vikingland. Faltan cartos, pero sobrevive a vontade de crear.

As preguntas trasladadas aos enquisados foron as seguintes:

1) Cal foi na súa opinióin o principal acontecemento cultural dos últimos doce meses?

2) Escolla o produto cultural galego que considera máis salientable dende o pasado 17 de maio.

DOLORES BEN Presidenta de Agapi: “O Festival de San Sebastián contou con dúas longametraxes galegas”

Dolores Ben marchou buscar o acontecemento do ano ao Festival de San Sebastián. A escolla non é casual, pois certame outorgou carácter internacional a dúas longametraxes galegas. Dirixido pola coruñesa Sandra Sánchez, o documental Tralas Luces deliña a vida dunha feirante cuxas esperanzas afogan mentres percorre verbenas de Galicia e Portugal. Pola súa banda, a historia unha amizade construída á intemperie do Alzheimer, outorgoulle a Enrugas, adaptación cinematográfica de Ignacioa Ferreras, o máximo recoñecemento neste e outros certames internacionais. Cinemar, a produtora que dirixe Ben, realizou a posprodución de son de ambas as pezas, que agochan un pouso amargo baixo historias cheas de luz. Gañadora do Mestre Mateo de Honra na súa última edición, a produtora admite certa debilidade pola cita donostiarra. “Todos os anos vou a festivais, pero este é o que máis gozo”, asegura.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

FRAN ALONSO Editor de Xerais e escritor: “O ano Lois Pereiro supuxo un achegamento a novos públicos”

 O ano Lois Pereiro foi, para Fran Alonso (Vigo, 1963) o evento cultural máis relevante do último ano, pois “significou unha ruptura importante co canon tradicional do Día das Letras Galegas”. A promoción da figura e da obra do poeta maldito de Monforte durante os últimos meses supuxo, segundo o escritor e editor, “un achegamento da literatura galega a novos públicos e a través de novas vías e soportes”. No entanto, Alonso, que se confesa inimigo de “categorizar”, atopa “realmente difícil” seleccionar un produto cultural. Con todo, aposta por Extramunde, de Xavier Queipo, que retrata o poder omnímodo da Igrexa en tempos de Inquisición a través dunha viaxe dende a freguesía de San Andrés ata a illa de Borneo. Di Fran Alonso que o principal atributo da novela gañadora da última edición do premio Xerais radica na “abordaxe da novela histórica desde unha perspectiva contemporánea e con moita visión de futuro”.

PAULA CARBALLEIRA Actriz e escritora: “A cultura vaise facendo amodiño, con amor e paciencia”

Paula Carballeira (Fene, 1972) refuga dar importancia ás efemérides. “Eu non son moito de eventos e acontecementos, pois creo que a cultura se vai facendo amodiño, con amor e paciencia”. Malia todo, subliña a recuperación da figura de Lois Pereiro que, no caso de Carballeira, trouxo consigo a lectura dun libro que considera “toda unha descuberta”. De Conversa ultramarina conmoveuna “o home que hai detrás da poesía e dentro dela, que non se separa unha cousa doutra”. Un estreito vínculo co mundo das brincadeiras leva á contacontos a salientar, ademais, a consolidación da literatura infantil e xuvenil galega “como sinónimo de calidade máis alá das nosas fronteiras”. Pero a coruñesa, que tamén foxe de escoller un único referente cultural, non quere deixar de destacar a importancia de “voces que saíron na poesía con moita forza”, como María Rosendo ou Andrea Nunes, “por poñer un par de exemplos”.

MOISÉS BARCIA Director de Rinoceronte: “A iniciativa cultural do ano é a de Chévere de ‘Amores Prohibidos 2.0”

O IES A Cachada de Boiro foi escenario da que Moisés Barcia (O Morrazo, 1971) considera a iniciativa cultural do ano. Amores Prohibidos 2.0 representa a visión máis electrónica da obra de Shakespeare Romeo e Xulieta. Chévere é quen xestiona un proxecto que vai máis alá do teatro. Encerellado nas redes sociais e sostido sobre os baluartes da lingua, esta historia é un enfrontamento entre Montescos, que falan español, e Capuletos, que empregan o galego. O ruxerruxe adolescente é o que marca a trama aberta. E tamén está vinculado a Shakespeare o produto cultural deste ano escollido polo director de Rinoceronte Edicións. Trátase da tradución ao galego de Ramón Gutiérrez Izquierdo da obra Sonetos de Shakespeare, que nos dous últimos anos foi galardoada dúas veces. Unha co Premio Lois Tobío ao Libro traducido do ano, no 2011, e outra polo Premio AELG á Mellor Tradución, este ano.

PILAR PALLARÉS Poeta: “E estritamente necesario que existan medios en galego”

Lonxe da ficción literaria, Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) marca como principal acontecemento cultural do ano a posta en marcha do xornal dixital Sermos Galiza. Malia a súa condición de poeta, Pallarés deixa a un lado a súa querenza polo verso para destacar como evento máis salientable unha iniciativa apegada á realidade social, “porque coa penuria dos medios de comunicación en galego é estritamente necesario que exista algo así”. No ámbito da produción cultural, ve “moi interesante” o disco de María Xosé Silvar, Sés, Admirando a condición, publicado en xullo de 2011. O traballo da cantautora coruñesa é, segundo a poeta, “musicalmente moi rico e con moitas tradicións musicais entroncadas”. Engaiolouna ademais polas letras da cantautora coruñesa, que a propia Silvar presenta como “ritmos americanos repensados en galego e en feminino”.

ÓSCAR LOSADA Crítico de folk e cinema: “O álbum do trío Talabarte e o de Sés foron propostas sobranceiras”

A cultura do país non esmorece. “Afortunadamente”, engade Óscar Losada (A Coruña, 1965). O xornalista toma un tempo para pensar cales foron as acontecementos que marcaron a vida cultural do país, e tras deliberar chega a conclusión de que non houbo ningún en concreto que “mereza ser salientado por riba dos demais”. Pero o pouso da idea xa quedou aí. Actividade hóuboa, tanto creadores como organizadores de festivais de distintas disciplinas. Un produto? Losada cínguese á música e ergue o dedo para sinalar o álbum homónimo do trío Talabarte e o debut discográfico da solista Sés, Admirando a condición. Talabarte é sinónimo de acústico e nese escenario contemporáneo vai estendendo as súas raíces tradicionais. Sés, pola contra, é unha aposta pola mestura rítmica. Nas súas maneiras de crítico, Losada considera que estas dúas “foron as propostas máis sobranceiras”.

JOSÉ MANUEL SANDE Crítico: “Destacaría ‘Vikingland’ por ser feito na casa”

Nas escollas de José Manuel Sande (A Coruña, 1972) a orixinalidade xoga un papel capital. O crítico de cinema e programador do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) non vacila en definir o ciclo AP9 do Festival Sinsal como o evento cultural do ano “por todo o que representa de fusión de experiencias”. Para Sande, AP9 levou ao garaxe de EXPOCoruña un proxecto “innovador, plural e moi ben arroupado musicalmente”. Membro da Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC), Sande achou no terreo audiovisual o produto cultural “máis importante” dos últimos doce meses. En Vikingland, primeira longametraxe do director guardés Xurxo Chirro, viu “unha maneira novidosa e orixinal de afrontar retos audiovisuais con metraxe xa existente”. Xurdido de gravacións persoais, o filme xermolou a partir do material recollido entre 1993 e 1994 polo mariñeiro Luís Lomba, coñecido como O Haia, que viaxaba co pai de Chirro nun barco que cubría a liña entre entre o porto de Romo (Dinamarca) e a illa alemana de Sylt, no Mar do Norte. A xuízo de Sande, este filme, que vén de gañar a VIII edición do Festival Internacional de Documentais Play Doc de Tui, conta ademais co valor de ser “feito na casa e sen cartos”.

XAVIER QUEIPO Escritor: “A Obra Social era patrimonio dos galegos”

“Sen dúbida, a fusión das caixas galegas e a súa desaparición como entidade de apoio cultural e social”. Ese é o principal acontecemento do último ano para Xabier Queipo (Santiago, 1957), que lamenta que coas caixas marchasen tamén coleccións de arte e as axudas á cultura galega. “A Obra Social era patrimonio dos inversores galegos”, reivindica. Para o escritor, premio Xerais 2011 pola súa novela Extramunde, os últimos 12 meses estiveron marcados por outros acontecementos de “relevancia negativa” como a desaparición da Consellería de Cultura e a “diminución drástica de partidas orzamentarias de fomento da lectura, das traducións ou do apoio ás artes escénicas”. Queipo négase a “singularizar un produto cultural”, xa que “coma nos premios, os finalistas son os primeiros perdedores”. En troques, prefire celebrar a resistencia como a meirande vitoria. “Coido que a ilusión por crear en galego e por resistir esta enxurrada inxusta que pretende a aniquilación da nosa cultura son os nosos mellores produtos de 2011”.

MARTA PÉREZ Inversa Teatro: “O desmantelamento cultural é o acto máis importante”

“Despois de moito pensar concluín que só o propio desmantelamento cultural se revela como o acto máis importante da vida cultural galega”. Marta Pérez (A Cañiza, 1979) rebuscou na memoria cultural deste último ano e só atopou o movemento do 15-M como fito suficientemente relevante. No entanto, Pérez, que é a directora de Inversa Teatro, si que considera que Campo de Covardes, da actriz e dramaturga da mesma compañía Vanesa Sotelo, foi o produto máis importante que saíu á rúa neste último ano. Trátase dunha reflexión sobre a violencia política, merecedora do último Premio Abrente de Textos Teatrais que se encadra na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Asemade, é unha aposta pola dramática contemporánea. Unha liña que cadra na dinámica de Inversa Teatro. Desde o seu nacemento no 2009 aposta por reflexionar sobre a sociedade. Sobre todo desde a óptica feminista, pretenden artellar historias entorno ao papel das mulleres na sociedade. Sempre da man da experimentación e a conxugación dos diferentes campos artísticos.

MIRO VILLAR Poeta: “Agora hai unha visión máis completa de Manuel Antonio”

A publicación da obra inédita Manuel Antonio representa para Miro Villar (Cee, 1965) o principal acontemento e o produto cultural máis imporante que agromou na cultura galega neste último ano. O poeta das crebas, que vén de recibir o premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega polo seu blog literario, bosquexa as posibilidades que presenta esta nova obra de Manuel Antonio. “Esta é máis importante que ningunha outra, xa que agora hai unha visión moito máis completa que obriga a facer unha lectura máis profunda do autor”. Máis alá da súa poesía. A descuberta faise eco das súas composicións en prosa, pero tamén das traducións poéticas de Manuel Antonio, que Miro Villar asocia máis a un posible tomo futuro dedicado ao xénero. Foi tamén un rianxeiro, Xosé Luís Axeitos, quen editou esta publicación. A iniciativa ten vocación de limiar, xa que o libro está enmarcado nunha próxima colección chamada Clásicos da Academia. Este Manuel Antonio. Obra Completa. V.I Prosa é toda unha serie de textos que revelan as amplas dimensións do legado do poeta.

GUADI GALEGO Música: “A figura do Zeca Afonso fai falta nestes momentos”

Quizais coa intención de buscar na cultura o faro que guíe o cambio social, Guadi Galego (Cedeira, 1974) escolleu entre os eventos culturais dos últimos doce meses a homenaxe de artistas galegos de todas as disciplinas ao compositor e músico portugués Zeca Afonso, que o pasado 10 de maio encheu o Auditorio de Galicia. O festival Terra da Fraternidade, explica a artista, rendeu “homenaxe a unha figura reivindicativa que queda moi preto”. “E que tanta falta nos fai nestes momentos”, engade. As razóns da escolla van máis alá da “influencia” do Zeca na música do país, xa que responden tamén á importancia dos “elementos da revolución” 38 anos despois de que moreas de caraveis adornasen a fin da ditadura de Salazar. Para a gaiteira e cantante, o outro fito cultural asínao Uxía co seu traballo Meu canto, que celebra e recompila unha carreira musical que dura xa un cuarto de século. Ese carácter de “resumo dunha vida e dunha carreira musical” é o que converte o disco nunha manifestación “moi importante para a música galega”.

JORGE COIRA Cineasta: “Este é o ano do retorno dos rockeiros”

O director Jorge Coira (Rábade, 1971) non só escolle un acontecemento salientable, senón que se atreve a bautizar a época máis recente da vida cultural do país. O director lugués está convencido de que este é “o ano do retorno dos rockeiros”, despois de que Antón Reixa e compañía desempoasen esta mesma semana en Ourense o repertorio dos Resentidos e culminaron así a vaga de regresos fugaces que comezou aló por marzo. Baixo o lema Volven os máis jrandes, os Herdeiros da Crus prenderon a mecha do rock bravú en Ordes, seguidos un mes despois por Aerolíneas Federales, que volvía soar na Sala Capitol compostelá. No ámbito da produción, porén, Coira opta polo “intimismo” de Uxía Senlle no seu último disco Meu canto, que recolle temas fundamentais do seu repertorio en directo e outros nunca abordados que “conseguen emocionar”. Para o cineasta, o disco que recompila os 25 anos de Uxía á fronte da canción é un traballo “moi importante” na carreira dunha música que é quen de espallar por Galicia os sons do Atlántico.

MARÍA REIMÓNDEZ Escritora: “Celebro a supervivencia da cultura de base”

É o acontecemento do último ano: “A supervivencia da cultura de base”. A escritora e tradutora María Reimóndez (Lugo, 1975) celebra que as editoriais, o teatro, o cinema, a música, a danza e a arte en xeral que se fai en galego siga funcionando. É un mérito deste eido, di Reimóndez, que dificilmente habían lograr outros sectores nas mesmas condicións de recortes. Son, pois, “un ataque aberto a uns valores de compromiso coa lingua”. E pide xustiza á hora de distribuír os cartos: “Pagámolos todas e todos pagamos para o ben común”. De destacar un produto cultural, Reimóndez menciona a novela da escritora tamil Salma Despois da medianoite, traducida ao galego por ela mesma. Sés e o seu disco Admirando a condición son importantes pola súa “forza e optimismo”. Pero tamén o encontro de Cantos na Maré, por conectar Galicia co mundo. E finalmente, no fardel de Reimóndez non falta A ópera dos tres reás, a obra de teatro dirixida por Quico Cadaval da que Reimóndez destaca tanto a escena como o seu discurso “necesario” para os tempos que corren.

IAGO MARTÍNEZ Xornalista: “Neste ano consolidouse o novo cinema galego”

A gran pantalla en galego. É a escolla de Iago Martínez (Vigo, 1979) que artella toda unha lista de filmes inaugurada por Vikinland. Nos fotogramas imaxinarios de Iago Martínez emerxen nomes como Lois Patiño ou os Arraianos. Pero a historia tivo comezo no 2010, cando Óliver Laxe participou no festival de Cannes e o que “antes era unha anomalía histórica consolidouse neste último ano”. Malia isto, Martínez considera que desde a Xunta se lle está a poñer a cambadela ao celuloide ao retirarlle axudas, que, en moitos casos e na súa opinión, “deron réditos no eido internacional”. De mencionar un produto cultural, o xornalista aposta polo que di é “o disco máis singular e apropiado a esta guerra en curso”. Fala de Ruído Negro de Das Kapital. Un vinilo que existe nun contexto de grupos clave como Ataque Escampe ou Emilio José. “O álbum de Das Kapital é o mascarón de proa de moitos discursos musicais en galego”. Son proxectos que alimentan a curiosidade de críticos de fóra. Aínda que o vigués non os consideraría se non fosen ideas que de verdade teñen que dicir.

XAVIER VALIÑO Crítico musical: “Mudou a política sobre a música en directo”

A crise deixou unha carapola onde antes houbo festivais de música. Xavier Valiño (Cospeito, 1965) ratifica a idea de que os cambios políticos na Consellería de Cultura desembocaron no acontecemento principal deste ano, “a mudanza na política sobre a música en directo en Galicia”. As consecuencias da falta de apoios económicos á cultura galega foi “a supresión de festivais como o Sónar, Vigo Transforma ou Cultura Quente”. Mentres a ferida dos directos cicatriza, Valiño destaca o disco de Das Kapital como o produto cultural máis importante do ano. O álbum ao que o crítico fai mención recibe o alcume de Ruído Negro, que pasou de transitar pola rede a morar nos vinilos. A orquestración poética e musical é obra de O’Leo, Marcos Paino, Tomas e David Ageitos, e Daniel Salgado. A alternativa é innegociable: “Socialismo ou barbarie”. O resultado é, pois, a idea que o conxugou todo, o electro punk e a oposición ao pop. Así, xorde con altofalantes en maio de 2010 cando todo de redor se desmorona. A cambio, Das Kapital promete ruído.

PATRICIA DE LORENZO Actriz: “O ano pasado veu cargado de emocións fortes”

Patricia de Lorenzo non pode evitar lembrar o último ano “desde un punto de vista moi persoal e local”. A representación de Ultranoite dun Soño de Verán no festival Feito á Man, que encheu a praza da Quintana no pasado mes de agosto ao xeito dunha “homenaxe non programada, unha despedida”, foi para a actriz “a demostración do cariño que tanta xente sente por Chévere e polo que supuxo a Sala Nasa” en Compostela. Tampouco quere esquecer Amores Prohibidos 2.0, da Redenasa.tv, que trouxo consigo “o descubrimento dun novo formato, outra maneira máis de facer teatro a través das redes”. De Lorenzo, recentemente galardoada co premio María Casares polo seu papel en Citizen, xustifícase por esta ollada en primeira persoa aos últimos tempos na cultura. “Sinto reparar só en cousas nas que estou persoalmente involucrada, pero o ano pasado veu cargado de emocións fortes”, admite. “Houbo uns meses nos que a Nasa saía en todos os medios, así que creo que foi bastante relevante e, aínda a día de hoxe, incrible”.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_