Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra

Cara a un novo Ano Rosalía

As restricións económicas tamén se fan sentir na produción editorial

Suponse que calquera ollada ao devir das letras nesta última xeira, a que vai de maio a maio, atoparía cun sector asolado pola tan amentada crise. Esta explica que por vez primeira deveza a dotación económica do Premio Xerais de novela, unha decisión que, fose ou non forzada pola crise, casa ben co ánimo cidadán e é, dalgún xeito, unha mostra de respecto polas persoas que están a padecer serias dificultades cotiás. Na miña opinión, a decisión prestixia aínda máis o premio e estou certa de que non vai ter ningún efecto na calidade do libro gañador.

A crise pode explicar tamén un certo ton menor nas actividades que nos ofrecerá de agora en diante o programa Ceo das Letras. Porén, malia botarmos de menos figuras da talla dun Tavani ou unha Kodama, iso non significa que os autores protagonistas sexan menos importantes. Pola Cidade da Cultura pasarán Otero, Castelao, Lorca, Joyce… A prometedora estrea do ciclo con Ramón Nicolás despregando todo o seu saber sobre Celso Emilio Ferreiro é alentadora, ademais de ben útil para reforzarmos a nosa sempre maltreita autoestima.

E a ninguén se lle oculta que as restricións económicas explican iniciativas como a edición dixital de Loia, a vangardista revista na que Lois Pereiro xogou activo papel, dispoñible de balde para descargar na web do Consello da Cultura. Na mesma liña vai a decisión da Editorial Galaxia de darlle unha dimensión dixital á celebración do décimo cabodano de Casares: velaí o blog Casares que mantén na súa web ou a próxima aparición das primeiras obras do escritor en edición electrónica, iniciativas que irán acompañadas doutras en papel e xa máis convencionais, como un monográfico que a revista Grial lle dedicará a quen foi o seu director, ou unha biografía.

» Poesía e tradución. Porén, nada do ata aquí comentado semella un atranco ou unha perda para a nosa literatura, senón máis ben o contrario, pois todas esas iniciativas supoñen avances na socialización do acceso á cultura. Pero é máis, no acontecido nas nosas letras neste último ano atopamos signos alentadores, mostras dun dinamismo que revela unha vez máis que creatividade e cartos non sempre fan bo compango. Por exemplo, a recuperación da colección Tambo de poesía en Faktoría k, nun máis que coidado formato. Ou a aparición dun novo espazo para a creación poética en Spiralia Poesía, de Espiral Maior, inagurada con Ruínas ao espertar de Manuel Vilariño. Que o Premio da Crítica Española, no apartado de poesía galega, fose para Cráter, de Olga Novo, un libro publicado por unha editora como Toxosoutos di moito da profesionalidade dos xurados, por unha banda, e do esforzo que os nosos editores fan por acadaren visibilidade para os seus libros. En tradución, é un luxo dispor dos Versos escollidos da que foi Premio Nobel en 1996, a polaca Wislawa Szymborska, pero sen dúbida a gran noticia do ano son os Sonetos de Shakespeare, dos que se falou menos do que se debería: agardamos que polo menos se faga xustiza e consigan algún dos escasos galardóns que ao pouco recoñecido esforzo das persoas que traducen se outorgan aínda neste país. Galaxia púxolle o ramo ao ímprobo esforzo editorial que supuxo a versión galega de 1Q84 de Murakami, que funcionou de xeito desigual, como adoita acontecer coas triloxías. E no reverso da moeda, a nosa literatura segue a cruzar fronteiras: desta volta temos Castelao en francés (Un oeil de verre), e en inglés Cunqueiro (Folks from here and there) ou Blanco Amor (On a bender).

Na novela celebramos atopar Non hai noite tan longa de Agustín Fernandez Paz na colección Narrativa, é dicir, fóra deses ámbitos etiquetados como LIX, unha atinada decisión editorial que pon en cuestión de facto o artificial e arbitrario de moitas fronteiras literarias. A recente concesión a Laura no deserto de Antón Riveiro Coello de dous importantes galardóns (o da Crítica española e o da AELG) pon o foco sobre un texto que dará moito que falar non só polo seu poderoso alento narrativo, senón porque abre novas perspectivas ao tratamento da cuestión da memoria, que Riveiro aborda entretecendo memoria histórica e individual ou, máis ben, desmemoria, isto é, analizando cal pode ser o resultado da perda da memoria, ben por desaparición dos seus portadores, ben polo deterioro implacable a que a somete o paso do tempo sobre os seres humanos. Polo que respecta ás reaparicións, congratulámonos especialmente das de Begoña Caamaño e Rexina Vega: ambas semellan comprometidas a fondo coa nosa narrativa, aínda moi precisada desa diversificación de rexistros que garante a incorporación de novas voces femininas, aínda escasas entre nós. E sempre é unha ledicia o retorno do noso clásico vivo máis indiscutible, Neira Vilas, con Esperando o leiteiro.

» Relevo no teatro. Nesa eterna materia pendente que é a de acadarmos unha edición normalizada de textos teatrais, o feito de que dous dos máis importantes galardóns nese eido fosen para xente moza fainos manter acesa a chama da esperanza e garante o tan necesario relevo xeracional: Vanesa Martínez fíxose co Premio Abrente con Campo de covardes e Marcos Abalde obtivo o Cunqueiro con A cegueira. As súas son voces pouco compracentes, diría mesmo que implacables, e amosan semellante vontade de indagación formal. E se a isto lle engadimos a publicación da versión galega de A gaivota e O tío Vania de Antón Chékhov, e a do exhaustivo estudo monográfico A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño, de Xosé Manuel Fernández Castro, abonda para sentírmonos satisfeitos do que nos deixou o ano teatral.

No apartado de efemérides, pasaron sen pena nin gloria (ou case) os 25 anos de Polaroid, unha novela que no seu día actuou como un auténtico revulsivo literario e mesmo social, ao facer que amplos sectores de público cuestionasen, tras a súa lectura, o concepto de arte, a súa definición, o seu papel no cabo do século XX. Se cadra lectores e lectoras non ousamos argallar conmemoración algunha para non violentar o manifestado desexo do autor de retirarse do primeiro plano de escena pública e repensar o seu futuro como escritor. Mágoa de ocasión perdida para volver sobre a obra. Xa noutro plano, a escolla de Valentín Paz Andrade como protagonista destas nosas Letras 2012 veu compensar os —para algúns— excesos underground dun Lois Pereiro que a certos sectores lle custou asimilar como figura canónica, pero que chegou coma había tempo que non chegaba un poeta ao público adolescente. E está por ver se nesta xeira Celso Emilio Ferreiro suscita o interese institucional que espertou Cunqueiro no 2011.

» Rosalía outra volta. Petando xa nas portas, un 2013 no que celebraremos o medio século do Día das Letras e os 150 anos da publicación de Cantares gallegos. Un momento ideal para revisitarmos a figura de Rosalía de Castro, revitalizada na última década grazas, por unha banda, ás novas achegas que se teñen producido no eido da investigación académica e, por outra, ao intenso labor desenvolto pola Fundación rosaliana baixo a presidencia de Helena Villar Janeiro, ao tempo que se puñan as bases do que debe ser unha institución do século XXI, chamada a xestionar o legado literario e simbólico da nosa escritora fundacional. Todo sen esquecer a atinada e desenfadada difusión da figura rosaliana levada a cabo polo Goberno bipartito. Se cadra, os tempos son chegados de dedicarlle outra volta a Rosalía o Día das Letras. A Academia faría así un xesto de recoñecemento ao papel secular desempeñado polas mulleres na cultura galega, un recoñecemento que polo de agora parece relear, como no seu día puxo en evidencia o blog O xogo das cadeiras con notable adhesión cívica. Oxalá a Academia non ignore as novas ocasións que teña para dar pasos nesa dirección.

Á éspera da ‘Poesía completa’ de Paz Andrade

A reducida obra literaria de Valentín Paz Andrade explica, xunto coa tan amentada crise, unha menor inflación de publicacións arredor da súa vida e obra. Porén, agardamos expectantes a Poesía completa en Xerais, unha magna compilación ao coidado, sempre exquisito en tratándose destas cuestións, de Gregorio Ferreiro Fente. Seica a colectánea revelará a verdadeira fondura do alento literario de Valentín, e unha pregúntase por todas esas figuras —tal o propio Paz-Andrade, Piñeiro ou Del Riego— que viviron un tempo no que a vocación era un concepto relativo e que compaxinaron as obrigas da posición nas que o situara o devalar da historia cos seus íntimos anceios intelectuais.

Xerais e Galaxia manteñen a súa aposta habitual por traballos de tipo compilatorio e divulgativo, grazas a Charo Portela e Xan Carballa, bos coñecedores do personaxe e o seu tempo. A recuperación facsimilar da histórica edición bonaerense de Galicia como tarea rende atinada homenaxe ao Valentín ensaísta. Tamén o Consello da Cultura opta por ese tipo de edición, aínda que nestes caso sexa a dun importante poemario inédito, Canto do pobo disperso, escrito en 1955 durante unha estadía do autor en Bogota. Trátase dunha visión mítica da emigración galega en sete cantos, un proxecto literario en estreito diálogo co Fardel de eisilado de Luís Seoane. Partillaban a intención de abordar o tema da emigración dende unha nova perspectiva, subliñando o que tivo de grande aventura colectiva. Nesa liña, o Canto de Paz Andrade tenta explicar a tradición nómade do noso pobo como factor substancial da súa esencia identitaria, e constitúese nunha achega fundamental para ampliarmos a limitada visión da poesía do autor como produción a cabalo entre o circunstancial e o testemuñal, e para arrequentarmos o coñecemento do proceso de conceptualización da emigración galega.