_
_
_
_
_

Por unha nova cultura política

O pasado abril finou Xaime Illa Couto, ás portas do Día das Letras dedicado a Valentín Paz-Andrade

O pasado abril finou Xaime Illa Couto, ás portas do Día das Letras dedicado a Valentín Paz-Andrade. Este nacera a finais do século XIX, aquel 17 anos despois (1915), os dous participaron na aventura do galeguismo modernizador. O primeiro xa se comprometera nas asembleas nacionalistas previas á ditadura de Primo de Rivera, e despois foi dirixente do Partido Galeguista. O segundo chegou a tempo para alentar coa ilusión da IIª República e impulsar as Mocedades Galeguistas. Valentín e Xaime compartiron a tarefa de sacar adiante o Estatuto de 1936. Un e o outro, sobreviventes á hecatombe da guerra, permaneceron durante o franquismo temesiñamente fieis aos seus ideais, resistentes contra a barbarie. Ambos e dous continuaron servindo a Galicia na transición á democracia e o establecemento da Autonomía. O seu exemplo convida a matinar sobre o fracaso do nacionalismo das últimas décadas, a súa desorientación actual e o seu incerto futuro.

 Un proxecto esgotado. Estamos asistindo ao esgotamento dun rebento do nacionalismo que comezou nos sesenta, callou nas décadas seguintes e, parcialmente renovado, atinxiu o cénit entre os dous séculos. Ese nacionalismo fraguado na ditadura foi rompendo amarras coa tradición galeguista nunha deriva que culminou nos oitenta. Polo camiño, os rexos valores democráticos que latexaban naquela tradición —e que Illa e Paz-Andrade personificaron—, sometidos a unha deliberada desconstrución, caeron no esquezo.

Na década dos oitenta produciuse unha tentativa de rectificación, da man do Partido Socialista Galego-Esquerda Galega, finalmente abortada polo rexurdir dun BNG recrecido baixo o liderado de Xosé Manuel Beiras. Este pretendeu —con brillantez e mellor intención ca suceso— converter o BNG nunha forza política á altura dos tempos. Pouco lle faltou para conseguilo, pero á derradeira fracasou, e como consecuencia o Bloque atópase agora empeñado nunha peregrina regresión ás orixes. A contrafío desa tendencia pugna por rexurdir un nacionalismo redivivo, coa arela de recoller o facho esmorecente para levar a bo termo os esforzos malbaratados de varias xeracións de militantes. Un dos retos máis difíciles do novo nacionalismo é a forxa dunha cultura política depurada dos vicios do BNG, na cal poida recoñecerse a maioría do país e que sirva de modelo á cultura cívica de que tan carente está Galicia. Para tanto, pode ser útil rescatar os valores e o estilo do galeguismo republicano.

Rescatando os valores do galeguismo republicano. O rescate debe comezar por dous termos emblemáticos: galeguismo e galeguista. Abandonados e desprezados polos nacionalistas, veñen sendo inescrupulosamente manexados por quen no fondo os aborrece. O nacionalismo do futuro non pode tolerar máis que a invocación ao galeguismo sexa empregada para vestir políticas nefastas para o país. Ten que dignificar e revitalizar aqueles vocábulos non para apropiarse deles, senón porque, ademais de responderen ao mellor da súa tradición, reflicten o difuso sentimento popular de adhesión á propia identidade, ao idioma e ás diversas manifestacións —cultivadas ou festivas— da cultura de noso.

A cultura política neogaleguista ha de fundarse nuns circios alicerces democráticos. A democracia, as liberdades, os dereitos humanos non son miserentas concesións das clases dominantes, senón valiosas conquistas da cidadanía. A democracia é tanto un fin en si mesma coma un método para a transformación social, que obriga a un exercicio incansable de pedagoxía política. A pedagoxía esixe sinxeleza e claridade, incompatibles coa grandilocuencia e o retoricismo. Á xente hai que falarlle de ti a ti, tratándoa con respecto, non desde o pedestal dunha displicente superioridade. Igualmente, hai que desterrar do discurso populismo e demagoxia. A resolución dos gravísimos problemas que aferrollan o noso pobo é tarefa extremadamente esgrevia. Ninguén posúe receitas máxicas. Cumprirá investir moreas de intelixencia, de tenacidade e de esforzo.

 Apertura e pragmatismo. Unha das herdanzas máis pesadas é o sectarismo, aliado ao xogo en curto e ao espírito minifundista. O progreso dun proxecto nacionalista require amplitude de horizontes e altura de miras. O obxectivo non pode limitarse ás institucións e a facer xestión. É moito máis ambicioso: servir de panca e trabe mestra para construír un país. Para iso precisa gañar a adhesión de amplas maiorías, penetrando e deixándose penetrar por unha sociedade plural e complexa. Xusto a actitude inversa ao afán de dirixismo de elites iluminadas, autoerixidas en vangardas, que contemplan os movementos sociais como correas de transmisión, no canto de acompañalos como expresión da autonomía e a vitalidade do corpo civil. É imprescindible contar con líderes, cousa distinta a depender dun profeta providencial.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Outra ensinanza dos vellos galeguistas é o pragmatismo, que non debe confundirse co oportunismo. Unha forza política ten que asentar nuns principios firmes, pero non nun catecismo dogmático. O que mellor define un partido son propostas e prácticas: a súa capacidade para conseguir os obxectivos precisos mediante actuacións acaídas. Mesmo as finalidades máis ambiciosas esixen gaños graduais. A vía máis segura para o avance é afrontar os problemas concretos con flexibilidade e acadar melloras apalpables. Unha forza política que aspire a endereitar os retortos vieiros polos que este pobo se está extraviando ten que estar animada por unha decidida vontade transformadora, tan lonxe do conformismo como dun inmaduro revolucionismo. Galicia non se pode facer só desde as institucións, pero menos sen ou contra elas. O erro máis craso do nacionalismo foi a súa feroz oposición á autonomía, derivada da crenza doutrinaria de que Galicia é unha nación feita, non por facer. A súa posterior acomodación institucional, nunca interiorizada, cheira a oportunismo.

A necesidade de arborar unha nova cultura política deriva tamén da profunda crise de representación que abala as democracias, consecuencia do enferruxamento dos partidos, das elites dirixentes (privilexios, clientelismo, opacidade, corrupción) e da percepción cidadá de impotencia e servilismo dos poderes públicos cos incontrolables mercados, isto é, ao ditado das capas máis privilexiadas. A xente reclama unha profunda rexeneración democrática a prol dos intereses da maioría.

Ante a conxunción das crises económica, política e cultural, o novo galeguismo atópase nunha encrucillada histórica. Pode continuar un declive irreversible, ou formular unha proposta capaz de ilusionar este maltreito país. Na segunda hipótese, terá un destino prometedor, pois cada vez é máis obvio que Galicia só sairá do marasmo cunha forza autocentrada. Ben o sabían Xaime e Valentín.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_