_
_
_
_
_
LUCES

O baleiro paira sobre o teatro público

Cultura deixa no aire a única produción propia do Centro Dramático Galego despois de presentala “O CDG non se pode manter sen obra”, critica a profesión

Imaxe promocional do elenco d’A ópera dos tres reás, o musical que produciu o CDG baixo a dirección de Blanca Cendán.
Imaxe promocional do elenco d’A ópera dos tres reás, o musical que produciu o CDG baixo a dirección de Blanca Cendán.CENTRO DRAMÁTICO GALEGO

A Andrés Lima, un dos factótums da compañía madrileña Animalario, responsábel da teatralización de convites de época como Alejandro y Ana. Lo que España no pudo ver del banquete de la boda de la hija del presidente, ninguén na Consellería lle dixo aínda “nin mu”. O 7 de marzo, á daquela directora do Centro Dramático, Blanca Cendán, escoltána Anxo Lorenzo e Juan Carlos Fasero, responsábeis de Cultura e de Industrias Culturais (Agadic). Preséntase a única produción propia do teatro público este ano: As furias, unha dramaturxia sobre catro relatos do estadounidense Neil Labute que dirixirá Lima. Ata fixan data de estrea: o 7 de setembro.

Segundo fontes cercanas a Agadic, “o problema agora é que se o novo director do CDG [hano escoller “canto antes”, segundo Cultura] decide montar As furias, é Cendán quen gaña e non semella que vaian facer tal cousa porque sería aínda máis risíbel có que pasou”. O que pasou, tras medio ano de silencio e críticas sotto voce ao baleirado do teatro institucional, aconteceu todo nunha semana. En tres secuencias: a primeira directora do CDG escollida por concurso público chama persoalmente aos xornalistas, convoca unha rolda de prensa ao aire libre e comunica a súa destitución. Segundo ela, por ceder o Salón Teatro para que os teatreiros celebrasen o seu Día Mundial. É Cultura quen o matiza, despois, en dous tempos: primeiro nega a censura e alega “problemas de xestión”. Onte, fontes do mesmo departamento aseguraron a este xornal que o despido se acordou antes da lea do Salón Teatro, e que a Cendán lle faltaba orzamento para levar adiante As furias. O seu custe, arredor de 250.000 euros, non supera por moito o que vale manter a programación do Salón Teatro ata xuño.

“É posíbel que Cendán quixese presentar As furias para asegurar a produción propia do CDG este ano, pero Fasero e Lorenzo estaban alí con ela, anque non estivese Varela [o exconselleiro de Cultura]”, recuncan as mesmas fontes. A ex directora do CDG, que asegura que nunca chegou a ser recibida por Anxo Lorenzo, rexeita as acusacións de mala xestión: “É incríbel que lixen así o meu traballo. Que é iso de que comprometín diñeiro que non había? Tiñamos 450.000 euros para 2012, outra cousa é que houbese que descontar débedas que non están claras. O que non se pode é botar balóns fóra e culparme a min do estado das contas de Agadic”. Esa é unha das preguntas vellas do sector, que reclama débedas de 1,2 millóns de euros de 2011 que, evidentemente, se están abonando con cartos deste ano. O desfase, de seu, é irregular.

Por entre a profesión abrollan algunhas pexas á marca Cendán. As inducidas por descoñecer o orzamento ata febreiro xa eran sabidas: a finais dese mes, actores e compañías enviáronlle unha carta comunicando que, se o CDG non conseguía presentar unha produción propia, o máis lóxico sería dimitir. “Como é posíbel que alguén pense que o CDG se pode manter sen produción propia?”, pregúntase Morris, presidente da Asociación de Actores. Foi o primeiro que insinuou Juan Carlos Fasero, alleo ao teatro, nada máis chegar: cuestionar a función do teatro público —unha unidade de produción institucional— como mantedor de obra propia. Tamén a representación herdada d´As actas escuras —única montaxe do CDG en 2009/2010, ao final—. Ex directores do CDG como Damián Villalaín ou Ánxeles Cuña falan do que coñecen. “A última versión de Cultura sobre o despido de Cendán é mesmo sorprendente, tendo en conta que a principal obriga da dirección do CDG é programar, e que a supervisión orzamentaria é competencia de Agadic”, resume Villalaín. “Non pode haber unha comunicación tan nefasta que se aproben proxectos sen orzamento”, improvisa Cuña.

Cendán: “Non me poden culpar a min do estado das contas de Agadic”

Ninguén sabe que lle espera ao teatro público nun país onde o que non hai, cáseque, é teatro privado. “Fáiseme difícil crer que teñan algún plan máis alá de transmitir unha falsa imaxe de normalidade”, pensa Villalaín. No entanto, Andrés Lima agarda que o seu contrato verbal con Cendán permita salvar a tempada no teatro público. E a súa axenda, liberada no verán para As furias. Os textos están traducidos e xa se traballou a dramaturxia da obra, co casting fixado para o 1 de maio.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

En Cultura non confirman nada, mais arriscan unha descrición da vida e do futuro: “O Centro Dramático foi, e seguirá sendo, a entidade da referencia das artes escénicas en Galicia. E a Xunta seguirá impulsando o seu labor”.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_