_
_
_
_
_
LUCES | EPISODIOS GALEGOS

Enterrade o noso corazón en Ferrolterra

Podemos falar de alta diplomacia, mais o que fixo abanear a ditadura foi a clase obreira

Manuel Rivas
Rafael Pillado (á dereita) co seu irmán Raúl.
Rafael Pillado (á dereita) co seu irmán Raúl.

“Non hai documento de cultura que non o sexa, ao tempo, de barbarie”. É unha deses pensamentos perturbadores, como estrelampos no medio do trebón, como grafitis feitos a gume de navalla no duro pelexo da historia, o que nos deixou Walter Benjamin. Sirva esta faísca para dar a coñecer unha mostra fotobibliográfica sobre o filósofo xudeu e berlinés morto en Port Bou, varado na fronteira franquista e perseguido polos nazis. Na súa fuga, Benjamin levaba un maletín que protexía como tesouro. Un misterio. Segundo parece, o portafolios ía baleiro ou case. Mais semella que o maletín segue a levedar, anos tras ano. Benjamin é a descuberta permanente. A ollada dos ollos infindos, reveladora na noite da historia, e o maxín crítico máis prodixioso dos nosos tempos. Ese lugar psicoxeográfico no que pousa a constelación Benjamin, da man de Pedro Incio Piñeiro, é a librería O Fogar do Lecer, na praza da Carmelana, no Orzán coruñés.

“Ser feliz significa o poder percibirse sen horror”. Velaí outro aforismo de Benjamin que pide paso xusto neste intre. É unha anotación froito desa vontade incesante de desvelar o reverso, de ver “o lado oculto que esconde a medalla”. Figura en Calle de dirección única, de recente publicación en castelán, a igual que o seu par marabilloso, Infancia en Berlín hacia el mil novecientos (en Abada Editores, ambos os dous).

Os libros búscanse os uns aos outros. Fanse compaña nos andeis, nas moreas do escritorio ou da mesiña, mais tamén en recantos suburbiais do cuarto onde traballo. Así que un andaba detrás do libro, detrás do aforismo esquecido, esa idea da felicidade, co difícil que é escribir da felicidade, mais non aparecía neste meu cuarto onde eu mesmo son unha peza enferruxada en reciclaxe. Achei na rebusca algunhas muxicas atinadas sobre a felicidade, e digo atinadas porque non é so a mente quen prende nelas senón o rebulir electrostático dos dedos. Por exemplo, o poema Unha realidade soñada, do poeta sueco anarquista Gunnar Ekelöf: “Hai unha sensación de felicidade que chega raras veces, / pero que, sen embargo, chega”.

Mais eu quería, necesitaba encontrar a memoria de Benjamin, porque sabía que alí estaba a frase precisa sobre a felicidade posíbel. E apareceu, na morea das cousas urxentes, esa morea onde van parar as cousas urxentes que ficarán enterradas no destino da súa urxencia. E a carón, unha obra aínda inédita, a copia dun manuscrito, que chegará por correo postal, á procura dun limiar. E se estaba alí, era por algunha razón. Porque Benjamin chamara por el, a partillar infancias, ou el foi quen chamou por Benjamín, a compartir unha conversa na liña fronteiriza, na noite do pesadelo e a represión, sobre a civilización e a barbarie.

Alí estaban. Unha protexendo a outra. As memorias da infancia do filósofo xudeu berlínés. E as do sindicalista obreiro ferrolán, Rafael Pillado. E as dúas, tan diferentes na feitura e no tempo que abranguen, transmiten ese trazo irmán. Unha certa felicidade xenerosa. De quen sabe onde está o lado do corazón, e sabe dar. Mais que non agarda propina ningunha nin na terra nin no alén: “Ser feliz significa o poder percibirse sen horror”.

O latexo da vida e da conciencia, de Rafael Pillado (editado pola asociación cultural Fuco Buxán) é un documento histórico imprescindíbel para a historia galega do século XX. Máis en concreto, para reconstruír a memoria da resistencia contra a ditadura, onde hai tanta zona de penumbra, e aínda, por que non dicilo, silencio de medo. Poderíamos dicir que é un agasallo colectivo. Aquí está contada con man de torneiro unha Galicia indómita, a dignidade obreira de Ferrolterra que nunca se reclinou ante o tirano que tivo mesmo a desvergoña de usurpar o nome da cidade.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Rafael Pillado, nacido en 1942, non oculta o berce nin a posición dende a que lembra. Mais non é a voz dun sectario, nin a dun simulador que quere maquillar unha experiencia. Por iso é unha agasallo para Galicia. É unha verdade que se le lixeira, que atrapa como unha mestura de memoria persoal, novela histórica, testemuño político, e intriga de serie negra.

A min sorprendeume. Conmoveume, cacho na tose ferina!

O papel terma de todo, pero hai estampas vividas que fan tremer o papel. O neno Rafael cando vai ver o pai preso no cárcere de Santiago (despois de pasar por San Felipe e A Coruña), vai triste, mais é o prisioneiro que o que lle cambia a face. O vello Pillado está a asubiar, algo sae voando de entre as pedras, e pousa na man do preso. É un pardal. E o paxaro amigo pasa da man do preso á man do neno. Outra: a descrición da forma vida das “voces baixas”, da xente humilde e traballadora, das nais “viúvas de vivos” que ían buscar flores ao monte ou apañar os restos do peixe para acadar uns patacóns cos que quecer algo nos chamizos. Ese relato familiar do dioivo, cando as augas da chuvia inundaban os casetos onde vivían, perto das murallas intimidatorias do cuartel e cárcere. Rafael e os seus subidos na cama, vendo o naufraxio das poucas pertenzas, aquela maleta de cartón levada pola enxurrada.

A escola. O período de aprendiz en Bazán. O adestramento para dividir, para sementar a división e a delación. Fantástico o capítulo onde se narra o papel dos apunta-cagadas. Eran delatores especializados en vixiar e controlar o tempo que os traballadores ían aos aseos ou retretes. Dentro dos chivatos, era o último do escalafón. Tamén o relato das primeiras experiencias de humillación polos mandos tan fascistas como clasistas: “Si no tienen metro, midan con el dedo”.

Ser un apunta-cagadas era un desastre. Pero naquel intre, claro, na estrutura da represión a que se enfrontaba calquera persoa con conciencia había cousas ben peores. Os que dirixían a maquinaria pesada do réxime, e que en Ferrolterra tiña como obxectivo principal coutar o movemento obreiro. E a información era a ferramenta obsesiva do poder totalitario. Esa idea tan perturbadora e lúcida de Benjamin de que detrás dun documento de cultura hai un de barbarie, está maxistralmente relatado no libro de Pillado cando nos describe a figura do xefe de información da brigada político-social, Francisco Brage Bouzas. Ao parecer, un tipo culto e moi amante das belas artes, claro. Entre outras cousas, conta Pillado: “Dadas as súas inquietudes intelecuais, participa en tertulias sobre arte e literatura. A elas asistían coñecidos representantes da cultura ferrolana. Axiña, as denuncias das torturas de comisaría, fixeron que estes encontros terminasen”. Entre os torturadores, sinalase polo papel especialmente cruel na represión que seguiu á masacre do 10 de marzo de 1972, “o tristemente célebre Fraguela”, daquela membro do denominado Servicio de Investigación Militar e destacado membro da ultradereita.

En O latexo da vida e da conciencia podemos ler o que seguramente é un dos documentos máis estarrecedores do que pasou ese 10 de marzo de 1972, hora a hora. Mesmo xa dos días da véspera, cando os traballadores sufriron malleiras en situación indefensa. Entre aqueles mozos que apostaron a vida, sen querer perdela, estaba xente como o hoxe secretario xeral de Comisións Obreiras, Fernández Toxo. Ademais dos dous asasinados, Amador Rey e Daniel Niebla, houbo ducias de feridos e de persoas ao borde da morte por tortura. Loitaban polos seus dereitos, si. Loitaban por nós. Polos dereitos humanos. Podemos falar de alta diplomacia e sutís xogos de xadrez na Transición. Mais o que de verdade abriu unha fenda e fixo abanear a ditadura foi a clase obreira, cun papel sobranceiro de Ferrolterra e Vigo naquel 1972.

—Si no tienen metro, midan con el dedo.

Pois, si. Imos medir co dedo. Esa é a medida d’O latexo da vida e da conciencia.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_