_
_
_
_
_
LUCES

O outro tabú sobre Carvalho Calero

Actuou, como Piñeiro, de axente regulador do que sería ou non había ser a cultura galega e galeguista

Aparece con frecuencia nos medios e no discurso académico a referencia ao nome de Ricardo Carvalho Calero como presenza incómoda, mesmo como tabú. A explicación de por que isto é así adoita a non se dar, ou cando si aparece, resulta somera ou críptica. Sorprende que nisto sexan coincidentes tanto os artigos de opinión xornalísticos como os académicos, cando o segundo tipo de texto podería permirtirse maior delonga á hora de xustificar por que, á altura de 2012, resulta aínda necesario referírmonos a un participante histórico da cultura galega en termos de censura.

As que lemos o discurso do nacionalismo cultural galego en tanto que narrativa histórica houbemos de remexer nos propios códigos da crítica carvalhocaleriana (refírome aos traballos sobre el, non aos escritos por el) para entendermos qué está en xogo cando se di que mentar a Carvalho Calero constitúe en por si un acto transgresor. Ditos códigos inclúen, por exemplo, a referencia ao autor como exemplo dunha humildade e modestia portentosas, a prevalencia do método científico que caracteriza a súa historia literaria, a súa vocación de servizo desinteresado á construción nacional, servizo que a Galicia autonómica lle compensou pobremente, ou mesmo do cal renegou. Sobre todo, as referencias a Carvalho Calero oscilan entre os arquetipos do mártir ou do mentor total, e por iso, os e as que reclaman unha meirande visibilidade do seu legado se pronuncian, antes que nada, na estela dunha débeda impagable.

Fóra da lóxica da débeda, porén, non resulta doado chegar a entender onde radica esa experiencia do agravio que anima este corpus textual, e que decote ten comprometido o propio rigor académico que cabería presuporlle. Carvalho Calero foi vítima, indubidablemente, das políticas represivas da ditadura española. Como tal viviu preso na cadea de Xaén do ano 39 ao 41 e houbo de sufrir, logo da volta a Galicia, o apartamento da función pública á que acedera por oposición xusto antes do comezo da guerra. Como participante da reconstrución cultural e política de Galicia na segunda metade do século, porén, púidose valer sen maiores atrancos internos das estruturas de produción, divulgación e canonización cultural que o galeguismo estaba a crear nese período. Carvalho actuou, como Piñeiro, de axente regulador do que sería ou non había ser a cultura galega e galeguista do momento, expelindo propostas relativamente independentes como a de Rodríguez Mourullo, recortando a autonomía autorial de voces emerxentes como a de Xohana Torres, ou ridiculizando o feminismo nos primeiros textos de María Xosé Queizán. Publicou prolificamente nos medios editoriais que se ían estabelecendo, e a día de hoxe o espectro enteiro de editoriais culturais galegas (tanto as que son debedoras do pacto autonómico como as que conseguen existir a pesar del) teñen publicado textos de e sobre Carvalho Calero, ningún, ata onde puiden identificar, en clave crítica ou contextualizadora. Carvalho Calero conta cunha estatua no centro de Compostela. Sobre a súa novela Scórpio, á que se lle outorgou o Premio da Crítica Galega no 1987, tres anos antes de morrer o autor, existe mesmo un artigo grafado por Darío Villanueva cando era decano da facultade de Filoloxía da universidade compostelá, no que louba prolixamente os méritos literarios do ferrolán e destaca, sen deterse moito no asunto —e velaquí outro tropo típico do código carvalhocaleriano—, a suposta importancia das mulleres no universo literario do autor.

Se cadra aquilo que deu en chamarse o tabú da cuestión carvalhocaleriana concirna precisamente o que semella revelar o propio estado da crítica existente sobre o autor. Unha crítica marcadamente formulaica, que tendeu máis a antoloxizar que a reler o seu legado, e que se permite silencios estrondosos arredor das moitas licenzas sexistas que ateigan os seus textos, algunhas delas recollidas en coleccións conmemorativas ben recentes. Non sei a crítica cultural galega en xeral, mais a crítica cultural galega feminista, independente e rupturista na que me insiro non dixire ben os tabús, nin naceu para deixalos levedar. Por iso cando, a altura do 2012, se fai referencia a Carvalho Calero para dicir que foi e segue a ser unha figura apartada das canles de recoñecemento e difusión cultural galegas, cómpre empezar a interpretar tales afirmacións máis como posicionamentos estaticistas ca reivindicativos. Tan sequera porque iso se leva dicindo máis de vinte anos; porque non foi estritamente así; e porque debemos comezar a dicir outras cousas.

Helena Miguélez Carballeira é profesora da Universidade de Bangor, en Gales

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_