_
_
_
_
_

Os ‘colmillos’ do elefante e a corrupción ‘guay’

Un imaxina ao noso emprendedor intentando aparcar en Lugo os 230 coches

Manuel Rivas

Para que quería o singular emprendedor Dorribo os colmillosde elefante?

Hai quen o ve como un capricho exótico, mais para min trátase dun detalle fundamental no chamado caso Campión, no que se investiga unha das máis pegañentas arañeiras corruptas que prendeu en Galicia.

En valor económico, e comparado con outros alardes, o das pezas dentarias de marfil supón unha cifra relativamente modesta. Segundo a taxación, uns 6.000 euros. Claro que unha cousa é o punto de vista de quen o caza e vende ou compra as pezas e outra a do desgraciado elefante. A súa vida, o sobrevivir, é unha laboriosa empresa. A comezar pola longa xestación, case dous anos no ventre da nai. Trátase dun dos seres máis sensíbeis, intelixentes e comunitarios do planeta. En perigo de extinción. Refírome ao elefante, por suposto.

Na descrición do patrimonio de Dorribo, no abraiante relatorio de posesións, aparecen valiosísimas antigüidades, en mobiliarios, lámpadas, alfombras e ornamentos moi ornamentais. Eu iso véxoo normal. En caso de dúbida, e como dixo un ilustre catedrático, hai que pousar sempre nos antigos. Aí vemos que o noso home actuaba como un auténtico vedoiro futurista, mais movíase tamén cun refinado espírito clásico. Dise que alguén anda ás crebas, cando rebusca en praias e coídos o que bota o mar dos naufraxios. Pois o noso protagonista andaba aos nichos. Os nichos do mercado e os nichos do pasado.

E aquí podiamos abrir unha paréntese para deixar constancia do loábel interese por manter incólume o patrimonio artístico de Galicia por parte de Franco e familia. Causou escándalo a noticia de que, en tempos pretéritos, foran agasallados con dúas esculturas do Pórtico da Gloria. Entre outros espolios, consta tamén que a Meirás foron parar as marabillosas pías de Moraime. Velaí un modelo exemplar de custodia da “memoria histórica”. Noutros países máis atrasados, destes que se toman a historia pola tremenda, como se lles fora a vida e a honra nela, pois de seguro que xa habería unha comisión xudicial investigando o patrimonio espoliado pola ditadura. O pazo de Meirás foi un premio de guerra ao Führer (Caudillo) español. E amén Abraham e Isaac, como outros bens, son tamén trofeos de guerra. Os grupos especializados na desaparición de obras artísticas, que os hai e bos, deberían xa ter a encomenda de localizar esas pezas e inventarialas. O Concello de Santiago, a Igrexa, e dende logo a Xunta de Galicia e o Ministerio de Cultura, deberían estar esixindo a devolución ao patrimonio público de Abraham e Isaac e o propio pazo de Meirás. Mais nós non somos un país atrasado. Nós non andamos con esas andrómenas. Nós temos a democracia ben ferrada. Pola contra, non sería de descartar que a familia vise compensados os desvelos por manter e conservar o patrimonio histórico artístico e mesmo o neto don Francis fose condecorado coa Medalla de Ouro de Galicia. Ese si que é un trofeo cobizado, pois hai que facer algo moi especial para acadalo. Lembren que, para que lla deran, Álvarez-Cascos tivo que mandar un barco “ao quinto pino”! Non se lle ocorre a calquera. Volvendo ao conto, estabamos cos colmillos de elefante de Dorribo. Ese viña ser o toque exótico. O chisme simbólico.

Mais logo estaba a maquinaria pesada. O tremendo parque móbil, terrestre e marítimo. Os 280 carros de alta gama. Os 16 iates ou embarcacións de recreo. Ao primeiro, ante semellante despregue, ficas pampo, abraiado, cunha cara de choino só comparábel á que se che puxo o día en que tiveches que pagar unha taxa por manter aberta a cartilla infantil de aforros de Caixa Galicia. Mais esqueces as migallas da historia, para tentar situarte na perspectiva dun campión. Imaxinas a Dorribo subir ao seu Panóptico. Ese era o nome que recibiron os dispositivos de vixilancia deseñados por Jeremy Bentham para os grandes espazos do que Foucault chamou a “sociedade disciplinar”. É dicir, prisións, manicomios, grandes fábricas ou campos de traballo. O Panóptico é a torre vixía, circular, ao xeito do ollo que todo o ve.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Fálase das empresas de Dorribo. E logo da arañeira que tivo que tecer para manter a velocidade exponencial desa cobiza máxica. Mais en realidade, se lemos como a historia real como unha novela de serie negra, a tarefa na que se concentrou Dorribo foi na construción dunha torre Panóptica. Un lugar de máxima visión e dominio. Cada chanzo desa torre vixía, era un lombo, unha peza humana, que formaba parte do proxecto Panóptico. Tamén tería un anaco de visión, mais sen chegar a esa altura onde o que se divisa vai camiño do infindo. Non ter autos nin barcos, senón unha flota e unha bandeira propia, de conveniencia. O ollo Panóptico, o que todo o ve, crea a necesidade de ver todo e, á fin, de que todo lle pertenza. Panóptico era tamén o único ollo do cíclope da Odisea, que tratou de escravizar a Ulises e os seus.

En realidade, é unha teima patética. Na invención de pesadelos esperpénticos, un imaxina ao noso emprendedor intentando aparcar en Lugo os 230 coches. E amarrar por aí os dezaseis iates, co axiña que pasan de moda os coches de alta gama e os iates de luxo. Contáronme do desacougo dalgunha xente para convencer a amizades de saír en iate, pois é sabido que o iate é un dos espazos onde se producen máis desavinzas e inimigos. Mesmo sei de alguén, neste caso de pequeno iate, que colgou un xamón ibérico no mastro maior en vez da bandeira como reclamo para os vellos amigos desafectos.

Así que poderíamos falar dun patrimonio ilusorio, consistente en 280 problemas e dezaseis complicacións. Por iso o importante son os colmillos de elefante. O realmente significativo. Tamén apareceron colmillos e leóns desecados cando o caso de Marbella. Dende o ollo Panóptico, polo visto, vense coches e iates como feras. E o mundo enteiro é unha selva, na que o que vence é a depredación.

A min o que de verdade me sorprendeu nesta historia, e segundo leo nas informacións, foi o comentario que fixo un dos beneficiados por corruptela da Administración autonómica: “¡Qué guay!”. Home, un espera outro vocabulario. Imos de Los Soprano a Los Soplapollas. Que clase de corrupción é esta corrupción guay?

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_