_
_
_
_
_

As contradicións da animación

A colleita de premios Goya eclipsa as eivas dun sector que carece de escolas de formación, de empresas sólidas ou de planos específicos de apoio público

Un fotograma d’A tropa de trapo, con produción executiva de Chelo Loureiro
Un fotograma d’A tropa de trapo, con produción executiva de Chelo Loureiro

“Que sector tan potente de animación tedes en Galicia!”, espetoulle nos canapés dos Goya un asistente á gala a Alberto Vázquez, o debuxante coruñés que viña de coller o galardón da mellor curtametraxe de animación por Birdboy. “Sector? Que sector? Eu non pertenzo a sector de animación ningún”, reflexionaba Vázquez o día despois do certame no seu regreso desde Madrid en autobús. “Iso é o brillo e o glamourdos Goya, coller o día despois o autobús para volver á Coruña a traballar”, ironiza con certa acritude este ilustrador e debuxante de banda deseñada. É só unha anécdota, pero o exemplo podería valer para explicar moito do que é animación galega, asentada nuns cantos produtores arriscados e nun pelotón de francotiradores que, como Vázquez, traballan por libre na súa casa meténdolle horas a animar debuxos.

 Máis alá do rebumbio mediático dos Goya e das declaracións institucionais redundando sobre o gran momento da animación galega, cando se recolle a alfombra vermella o talento queda á intemperie. “Non hai escolas para formarse, nin liñas de apoio específicas e as dúas grandes factorías que había, Dygra e Bren, pecharon as portas”, explica Chelo Loureiro, de Abano Producións. Loureiro é a produtora executiva de A tropa de trapo, un filme de animación para cativos que se estreou en 40 países de todo o mundo. “Case o 50% dos premios Goya de animación que se teñen entregado son galegos. A animación é unha gran marca deste país e sería unha mágoa non rendabilizala”, afirma esta produtora ferrolá.

O éxito acadado por Dygra no seu día con filmes como O Bosque Animado, que levou un Goya no 2002, ou O Soño dunha noite de San Xoán, no 2006, pasando polos cinco Goya de animación que conseguiu Filmax, ata o actual de Enrugas de Perro Verde, avalan unha década de éxitos para a animación feita en Galicia. Dygra e Bren, a división de animación de Filmax, foron as dúas factorías sobre as que se asentaba a “marca galega da animación”. O peche e a disolución de Dygra e entrada de Filmax nun concurso de acreedores acabaron cunha exitosa traxectoria. “Mais dun cento de persoas perderon o seu traballo nestas empresas, e non se soubo rendabilizar a eses profesionais cualificados”, di o produtor de Enrugas Manuel Cristóbal, de Perro Verde Films, e que empezou a súa carreira en Dygra, a empresa que deu pulo a unha industria que se estaba a situar na avangarda ó ser a primeira produtora que fixo en Europa un filme de animación en 3D.

“Desde o éxito de O Bosque Animado a administración apostou pola animación. No Goberno de Fraga creouse unha certa expectativa e no bipartito houbo unha intención de discriminación positiva coa animación”, explica Manuel González, que fora responsable da Axencia Audiovisual Galega e que tamén traballou na factoría de Dygra. No ano 2006, cando González empezou a coordinar o audiovisual, a Xunta apoiou 12 curtas de animación e dúas longametraxes. Nas últimas axudas de Novembro de 2011, só se apoiaron dous proxectos: unha longametraxe e unha serie de animación. “Entre o contexto económico e a falta de vontade política creo que se está a deixar esmorecer o sector nun interesante momento creativo”, opina este bo coñecedor do eido audiovisual.

Mais alá das grandes factorías, no mundo da curtametraxe existe unha gran xeración de animadores, como Juan Pablo Etxeberry, Peque Varela, Pablo Millán ou Jorge Morais, avalados por multitude de premios internacionais, e que foron aprendendo o oficio a base de experiencias autodidactas. “Hai dez anos que propuxen un proxecto dunha escola de animación de excelencia, algo que nos permitise aproveitar aquel bo momento, pero non foi adiante. Aquí hai moito talento, pero con talento só non se compite”, declara Manuel Cristóbal, o galego que xa leva recollidos catro Goyas, todos na categoría de animación. Cristóbal intentou facer toda a produción de Enrugas en Galicia pero finalmente optou por outras vías. “Desde aquí poden poñerse proxectos en marcha pero non hai estudios onde animar. Hai estudios pequenos, pero eu son produtor e busco a competitividade”, aclara Cristóbal sobre o proceso do filme que acaba de levar o Goya á mellor película de animación. A película animouse finalmente entre Madrid, Cataluña e ata Filipinas.

“Calculo que pode haber uns 200 profesionais moi cualificados que se formaron en Dygra e agora están espallados polo mundo”, estima Juan Nouche, que traballou no seu día nos principais proxectos desta factoría xunto con Alberto Taracido, co que agora montou a produtora Otii Planet. Son unha pequena factoría formada por ex profesionais de Dygra que empezarán este ano a rodaxe da serie de animación Rascayú, unha serie muda de gags de 26 capítulos de seis minutos de duración, e coa que están negociando coproducións con Brasil e Canadá, “porque aquí só sería imposible financiala”. No fondo, a animación galega podería explicarse recurrindo a outros sectores xa coñecidos. A produtora Chelo Loureiro teno ben claro: “Isto é como Zara, o talento está aquí pero a manufactura ten prezos máis competitivos fóra”.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_