_
_
_
_
_

O 'mea culpa' dos arquitectos

Profesionais novos recoñecen a súa responsabilidade no espallamento das desfeitas

Casa Rural en el Paderne reformada por Carlos Quintáns
Casa Rural en el Paderne reformada por Carlos Quintáns CARLOS QUINTÁNS

Unha das consecuencias positivas da crise económica en que nos atopamos debería ser a de botar unha ollada ao pasado para analizar e corrixir os erros que se cometeron en todo o que se refire ao coidado e estruturación do territorio. A paisaxe segue a ser un dos tesouros cos que e conta o país malia as moitas desfeitas amoreadas. Os arquitectos son un dos colectivos que deben formar parte desta reflexión, aínda que non os únicos. Nas últimas décadas o seu coñecemento quedou sepultado baixo os intereses políticos e económicos que levaron ao crecemento desmesurado do ladrillo.

Moitos destes profesionais fan autocrítica e recoñecen que tiveron parte de culpa no acontecido por se botar á beira e deixar en mans de políticos, construtores e promotores a ordenación dun territorio que sofre as consecuencias desas actitudes. Algúns dos membros da nova xeración de arquitectos que xa viu recoñecida a calidade do seu traballo dentro e fóra de Galicia apuntan a que o parón inmobiliario representa unha boa oportunidade para deseñar un país máis ordenado e sostible no terreo urbanístico.

José Valladares, un dos socios do estudio compostelán RVR Arquitectos, explica que un dos problemas é o punto de partida, xa que existe un corpo normativo que se preocupa polo que se pode ou non se pode facer, pero non polo xeito de facelo. "Ese é o labor do arquitecto, e o problema está en que se converteu nun asunto menor. Os usos para o territorio, especialmente no rural, están moi vencellados á vivenda que, por outra parte, vaise abandonando polo desprazamento cara ás cidades. Dalgún xeito a lei vai por detrás da realidade e por iso non é operativa para combater o fenómeno do feísmo", sinala Valladares.

Na súa opinión, o urbanismo desenvolvido nas últimas décadas estivo en mans de políticos, construtores e técnicos "moitas veces desaprensivos". Ao seu xuízo, os plans urbanísticos de moitas cidades pequenas e vilas "quedaron abandonados nas mans da parte máis mediocre da profesión". No que se refire ás posibles solucións, Valladares explica que o máis urxente é definir "que territorio queremos e como o queremos facer". "Temos modelos en países centroeuropeos coma Bélxica, Suíza e Holanda que poden servir como guía para facer as cousas mellor. Creo que habería que simplificar as normas, facelas máis sínxelas, o cal non quere dicir que faciliten realizar determinadas cousas".

O arquitecto de Muxía Carlos Quintáns coincide en boa parte con este diagnóstico e sinala que a crise inmobiliaria pode ser o momento oportuno para mudar a dinámica existente, malia que "se continúa a construír dun xeito inadecuado". Quintáns é autocrítico coa profesión e non esquece que cada unha das desfeitas que atopamos espalladas polo país "ten nome e apelidos". Na súa opinión, a solución tampouco pasa pola aplicación estrita das normas xa que, ás veces, as leis feitas con boas intencións produciron malos resultados na práctica real.

"Creo que un dos camiños que hai que explorar é o de incentivar as cousas ben feitas. Son poucas, pero por iso teñen que falar delas os xornais, os empresarios e nós mesmos. Boto en falta unha labor educativa", engade Quintáns, quen engade que probablemente o máis axeitado para corrixir os efectos do feísmo sexa "saltar as normas". Coma exemplo do que está a ocorrer fala do seu propio barrio na Coruña: "Nos últimos anos o Concello mudou a iluminación das rúas e o que fixo foi poñer unha peor da que tiñamos". Na súa opinión, o peor do feísmo en Galicia é que está "moi espallado" polo que resulta difícil arranxalo. De tódolos xeitos, sempre poden atoparse solucións, "mesmo para unha vila onde non haxa dúas casas coa mesma altura", sinala.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Juan Creus, do estudio coruñés Creus & Carrasco, apunta que un dos graves problemas rexistrados nos últimos tempos foi a "mala arquitectura", realizada especialmente na edificación de vivenda no medio rural. "Os arquitectos temos moita culpa do acontecido porque o único que se fixo foron cartos e importar modelos que non servían para Galicia", explica o arquitecto, quen coincide cos seus colegas en que as solucións non chegarán dende a normativa xa que asegura que ve "despistada á xente que está no poder".

De todos os xeitos, apunta que se tomaron algunhas medidas positivas como, por exemplo a Lei de Protección do Litoral, que tivo o efecto de que moitos construtores que fixeron desfeitas na Costa da Morte agora "pénsano dúas veces". Creus considera un erro deixar o planeamento urbanístico nas mans dos enxeñeiros, xa que eles non coñecen ben todo o que se refire ao control dos espazos e da paisaxe. "A Administración tería que ser máis esixente, porque se só se fai o reparto do solo, acábase perdendo o control do espazo", conclúe.

Dende a Xunta, o director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio, recoñece que vimos dun tempo no que as cousas non se fixeron ben, malia que advirte que a paralización actual tampouco é boa. "O que temos que conseguir é que cando finalice este período de parálise xa teñamos interiorizada unha nova sensibilidade ao respecto da paisaxe", afirma o alto cargo da Xunta. Neste sentido, indica que se está a desenvolver regulamentariamente a Lei da Paisaxe, que estabelece os criterios xerais cos que se debe actuar no territorio.

Borobio apunta que as novas xeracións de arquitectos teñen unha maior sensibilidade e contan con máis instrumentos tecnolóxicos para facer unha "mellor arquitectura". O director xeral considera que hai erros do pasado que é imposible corrixir, aínda que "ás veces hai posibilidades de mellorar algo mal feito tomando as medidas correctoras para o que se constrúe arredor". Tamén engade que é necesario axilizar os trámites para a elaboración dos plans urbanísticos nos concellos, xa que "a longo prazo a todos lles paga a pena ter un plan".

Os arquitectos, especialmente os máis novos, son conscientes de que foron parte dos diversos problemas que afectan ao territorio e tamén deben formar parte da solución. Hai poucos días abriu en Santiago unha mostra deseñada por tres arquitectas novas e na que se lanza unha ollada irónica sobre o que aconteceu nos últimos anos cos efectos do pelotazo urbanístico. Spanish Dream recolle o que puido ser e non foi neses centos de vivendas que quedaron inacabadas e agora se converteron en testemuños silentes do que se fixo mal por parte de moitos actores (tamén os arquitectos) nestes anos de febre construtora.

As impulsoras deste proxecto, coñecidas polo alcume de Cadelasverdes, recoñecen que o remuíño de cartos e cemento vivido levou por diante as boas intencións de moitos profesionais do sector. O parón inmobiliario que vivimos actualmente semella un bo momento para que os profesionais da arquitectura volvan a ocupar o lugar que nunca deberían ter abandonado e achegar os seus coñecementos para facer unha planificación axeitada do territorio e mellorar o aspecto xeral da nosa paisaxe.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_